O 7 de abril celébrase en Mondoñedo o Campionato Provincial Escolar de Duatlón ao que acudirán 120 participantes.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro participou na presentación do campionato provincial escolar de duatlón “Cidade de Mondoñedo” que se celebrará esta fin de semana na Cidade Episcopal e no que se agarda contar con ata 120 participantes. A cita terá lugar este sábado, a partir das 16.00 horas con percorrido entre as rúas Vilalba e Viñas da Veiga. 

Durante a presentación do campionato, estivo presente a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, o concelleiro de Deportes, Manolo Tapia, o xefe provincial do servizo de Deportes, Manuel Otero, entre outros, acompañados do delegado territorial da Xunta.

Programa xogade
Esta iniciativa forma parte do programa Xogade, impulsado pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coas federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares, ademais dos concellos que serven de anfitrións das distintas probas.

En Xogade conviven 26 modalidades deportivas diferentes e todas elas con gran éxito de participación e mobilización. De feito, tan só na provincia da Lugo participaron no curso 2016-2017 un total de 16.500 escolares, o que supuxo un investimento autonómico no deporte de base de preto de 367.000 euros en concepto de organización, seguros e transporte.

Balseiro lembrou que o programa Xogade busca asegurar o acceso ao deporte de todos os escolares. “En resume, cos nosos mozos e mozas medren con hábitos de vida saudables e con xogos que afiancen os valores do deporte, como o sentido do esforzo, do respecto ou da xustiza”-concluíu.