O 8 de novembro celébrase en Burela a V Festa da Castaña, que por mor do mal tempo se traslada á praza de abastos. E o día 9 haberá teatro.

Mañá, 8 de novembro, celebrarase a V Festa da Castaña organizada pola Concellería de Cultura e a asociación Asadores de Burela. A cita terá lugar na praza de abastos a partir das 19:00 horas.

O edil José Díaz explicou que “aínda que estaba previsto que a festa tivese lugar na praza da Mariña, debido á previsión de mal tempo que dan para mañá trasladamos a celebración á praza de abastos”. 

O programa dará comezo ás 17:00 horas cun obradoiro de confección de zonchos (colares de castañas) que se celebrará ata as 20:00 horas. A actividade estará dirixida para os máis pequenos e pequenas por monitoras do Centro Medioambiental Gaia.

Ás 19:00 horas comezará o reparto dos cornetes de castañas acompañadas de viño e bolos preñaos, ao prezo de 2 euros. A festa estará amenizada no apartado musical polo grupo de baile e música tradicional da SCR Ledicia a ACM Arume, que actuarán a partir das 17:30 horas.

Ao remate, a partires das nove e media da noite, sortearanse cinco vales de compra doados pola CCA Burela e unha cea para dúas persoas no restaurante O Sargo.

Teatro, o sábado
O grupo de teatro Os Trocos de Castro de Rei presentará en Burela este sábado, 9 de novembro, a súa obra Unha noite de primavera sen sono. Será no auditorio da Casa da Cultura ás 20:30 horas. A entrada será libre e para todos os públicos. A función está incluída no programa Buxiganga Proxecto Teatral Afeccionado 2019 da Deputación de Lugo.

Unha noite de primavera sen sono é a última proposta de Os Trocos, e conta a historia de Mariano e Alexandra, un matrimonio que ten unha forte crise tras unha discusión no dormitorio conxugal. Esa noite Mariano decide abandonar a casa entre ameazas de divorcio, e inmediatamente entra polo balcón Valentín, individuo en difíciles circunstancias. Seguidamente unha recua de personaxes estrafalarios desfilarán polo escenario complicando a trama.