O 8 de setembro terá lugar a III Festa da Xuventude, en Mondoñedo. Con esta celebración darán comezo as festas patronais da Nosa Señora dos Remedios.

A Concellería de Xuventude do Concello de Mondoñedo organiza a terceira edición da Festa da Xuventude que terá lugar o venres 8 de setembro, a partir das once da noite e ata entrada a madrugada na praza do Concello. 

O concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías, Alberto García Fernández, presentou hoxe o cartel da festividade, deseñado pola mindoniense Julieta Vargas. Estivo acompañado pola propia artista, xunto aos djs mindonienses, VítorPumariño e Alberto Leivas.

García avanzou que “esta edición a Festa da Xuventude conta de novo cun variado programa, no que tamén ten un especial protagonismo o alumnado da Escola de Música, que interpretará diferentes actuacións que están de moda no panorama musical actual”. 

O cartel inclúe un ampla variedade de estilos e formacións, onde se lle da primacía aos artistas locais; pero no que ten gran relevancia a actuación estelar de Borja Rubio, cantante de música electrolatina. 

O concelleiro precisou que “coa festa da Xuventude se dan por iniciadas as Festas patronais de Nosa Señora dos Remedios,que se prolongarán ata o luns 11 de setembro, festivo local,e animou a todos os mozos e mozas a participar desta festa que o ano pasado contou cunha gran acollida e ampla participación”.

Dende o Goberno local do Concello de Mondoñedo agradecen a colaboración para a celebración da terceira edición desta festividade da emisoraCadena 100, así como o apoio dos bares da Praza do Concello. 

O concelleiro de Educación, Mocidade e Novas Tecnoloxías amosouse moi satisfeito coa organización desta nova edición e sinalou que “esperamos que teña a mesma acollida multitudinaria que a do pasado ano”.

Cartel
O cantante revelación Borja Rubio actuará na Praza do Concello a partir das once da noite. Este cantante e produtor gaditano conseguiu millóns de visitas en Youtube e reuniu a máis de 10.000 fans nos seus últimos concertos que deu en distintas cidades de España. Borja triunfou con éxitos na rede como Fuego en laPiel, Me Enamora ou Señorita xunto ao domincano Henry Méndez. Tamén fixo colaboracións con outros artistas como KikoRivera ou DemarkoFlamento e Maki.

O programa desta terceira edición da Festa da Xuventude tamén integra a actuación do grupo xuventude, que compoñen Alex Barreira, Sara Pena, Belén Ramos e PabloMaseda. Son alumnos da Escola de Música de Mondoñedo que interpretarán distintos éxitos do panorama musical.

O cartel complétase cos djs mindonienses VitorPumariño e Leivas e máis co pontevedrés AR3S.