O 9 de abril chega a Burela "Quixote" unha comedia inspirada na obra de Miguel de Cervantes dirixida ao público infantil e familiar.

Chega a Burela o 9 de abril a nova obra da Compañía Pedras de Cartón que nace na Coruña, mais cunha visión aberta ao exterior, coa intención de crear espectáculos de teatro clásico que podan chegar ao maior número  de públicos posible. O espectáculo, dirixido ao público infantil e familiar, dará comezo ás 18 horas na Casa da Cultura. O prezo das entradas será de 2,5 euros. 

A compañía conta para esta tarefa con profesionais cunha ampla traxectoria no teatro para a infancia e a xuventude, da man de Juan Rodríguez, socio fundador de Caramuxo teatro.

Co primeiro espectáculo, Lázaro de Tormes, conseguen unha Mención Especial do Xurado no 43º Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro.

Pedras de Cartón aposta por adaptar os clásicos a novas linguaxes e estéticas, que podan resultar atractivas para o público máis mozo.

Quixote é o segundo espectáculo de Pedras de Cartón. Esta vez afrontase o texto de Cervantes, un dos máis coñecidos da literatura española, contado en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico ( moi ao estilo Fellini ) e en clave de clown, traballando as escenas máis icónicas da novela, da relación antogónica entre Quixote e o seu fiel escudeiro Sancho. En canto aos elementos escénicos, contase cunha proposta que evoca o circo clásico. Un Velocípedo no que vai montado Quixote é Rocinante, e un triciclo no que vai montado Sancho é o peculiar Rucio, o asno de Sancho Panza. Os dous elementos están fabricados por un artesán coruñés e feitos a medida para o espectáculo.

Quixote está interpretado por Juan Rodríguez, que representou máis de 20 espetáculos para a infancia e a xuventude con Caramuxo Teatro, cos que conseguiu o María Casares ao mellor espectáculo infantil e recoñecementos na Red Nacional de Teatros, entre outras mencións.

Sancho Panza está representado por Pablo Sánchez, un profesional cun recoñecido traballo no campo do clown e o teatro físico, que participou en espectáculos de compañías como San & San, Elefante Elegante, Teatro dos Ghazafelhos, Os Contos de Pablísimo ou Trinke Trinke.

Quixote é un xogo cómico inspirado na coñecida obra de Miguel de Cervantes. Un espectáculo para achegar os clásicos a toda a familia, nunha proposta chea de humor e case sen palabras, na que Don Quixote viaxa polas terras de Castela no seu velocípedo, acompañado do seu fiel Sancho e un triciclo cargado de maletas.