O Bordelo representa o 13 de abril na Casa da Cultura de Burela a obra "O Malquerer". A entrada é libre.

A Concellería de Cultura presenta este venres, 13 de abril, ao grupo O Bordelo, de Cervo, que porá en escena a obra O Malquerer. 

A actuación terá lugar na Casa da Cultura, ás 21:00 horas, é para todos os públicos e a entrada é libre.

O Malquerer é unha comedia escrita e dirixida por Francisco Piñeiro, e protagonizada por Dolores Viamonte, Mª Paz Rodríguez, Antonio González, Manuel González, Xosé Vicente Mon e polo propio director, Francisco Piñeiro.

Enmarcada nunha liña dun teatro comprometido coa mellora das circunstancias sociais contemporáneas, pretende ser unha peza cómico-reflexiva que permita ao espectador observar a realidade de tal xeito que remate rindo do que a cotío convida a chorar.