O campus de baloncesto EntreNos regresa a San Ciprián do 27 de xuño ao 2 de xullo.

O pavillón da Veiga acolleu a presentación do III Campus de Baloncesto EntreNos, que terá lugar entre o 27 de xuño e o 2 de xullo “son seis días de competición, nun  formato readaptado á situación sanitaria actual, moito máis técnico, con máis competición, e sobre todo con moito basket co obxectivo de recuperar sensacións logo deste ano tan difícil que vivimos”; tal e como subliñaron desde a organización, no acto no que participaron o rexedor, Alfonso Villares, o edil de Deportes, David Rodríguez, a concelleira de Cultura, Dolores García Caramés, e o director e o responsable de comunicación do campus, Nacho Mota e Pablo Ojea, respectivamente.
 
O prazo de inscrición continúa aberto, aínda que xa quedan moi poucas prazas das 48 dispoñibles, dirixidas á mocidade nada entre os anos 2004 e 2009 (ambos incluídos). Debido á situación sanitaria tan só se oferta réxime interno, “para crear unha burbulla EntreNos de convivencia entre os participantes, que se someterán a un test de antíxenos antes de ingresar no campus como medida de prevención e seguridade”.
 
O equipo técnico estará formado por Cristino Menor, Nacho Mota, Zaida Iglesias , Juanma López , Mer Chele, Javier Cal, Sabela Taboada e Juan Carlos Paz.
 
Os integrantes do Campus EntreNos recibirán cada día unha masterclass a cargo de recoñecidos profesionais do basket, que impartirán unha sesión de táctica en equipo que logo se poñerá a proba na tarde de competición.
 
As clases correrá a cargo de:
- Adrián Chapela, actualmente compite en Leb ORO co Força Lleida. 
- Sandra Prieto, adestradora no Uni Ferrol. 
- Fer Buendia, seleccionador galego durante catro tempadas, experiencia en ligas Feb como Eba y Lf2. Este ano está no Xiria de Liga EBA. 
- Iago Castro: adestrador axudante do C.B. Breogán desde a pasada tempada.
 
O rexedor Alfonso Villares aplaudiu o “enorme esforzo realizado polos integrantes da asociación deportiva e cultural EntreNós, que organiza o evento, para sacar adiante esta nova edición na que tiveron que reinventarse readaptando o formato á situación sanitaria actual, apostando por un baloncesto seguro, pero sen renunciar ao espírito competitivo e de convivencia co que foi concibido este campus pensado para todos os rapaces apaixonados deste deporte de equipo”.
 
Desde o Concello, tal e como precisaron pola súa banda o edil de Deportes e a responsable de Cultura, “poñemos á súa disposición todas as instalacións municipais e o apoio loxístico necesario para contribuír a que o campus EntreNos volva ser unha experiencia única para a mocidade participante”.
 
O campus, loxicamente, xirará en torno ao baloncesto, pero tamén se programarán actividades complementarias para que os participantes poidan coñecer as múltiples posibilidades que ofrece o Concello de Cervo, tanto desde o punto de vista cultural como deportivo; programando diferentes saídas que enriquecerán aínda máis a experiencia.