
O CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove, continúa avanzando na organización dos actos conmemorativos do seu 50 aniversario, que terán lugar este sábado, día 23 de maio.
O centro educativo expresa “o seu máis sincero agradecemento á comunidade educativa pola súa implicación, apoio e participación activa na preparación desta celebración tan significativa. Así mesmo desexa recoñecer de maneira especial a colaboración da Escola Municipal de Música, da Asociación Cultural Saíñas, da empresa Alcoa e, de maneira moi especial, do Concello de Xove, cuxo compromiso e disposición están a resultar fundamentais para facer posible este evento. Grazas á suma de esforzos de todas estas entidades e persoas, será posible desenvolver unha xornada de convivencia e lembranza que poña en valor a historia do centro e o seu papel na vida social e educativa do concello de Xove ao longo destas cinco décadas”.
O CEIP de Xove anuncia que o evento do sábado 23 “contará coa presenza de autoridades públicas, así como de membros de diversas entidades locais. Entre elas participarán representantes de Alcoa San Cibrao, entidade coa que o CEIP Pedro Caselles mantén unha longa traxectoria de colaboración en proxectos educativos e de voluntariado. Durante o acto, realizarase un recoñecemento á súa contribución actual ao proxecto de renaturalización do patio escolar, no que Alcoa está a colaborar”.
Desde Alcoa San Cibrao sinalan: “alégranos poder celebrar xunto ao CEIP o seu 50 aniversario. É unha institución educativa coa que levamos moitos anos colaborando e esta é unha oportunidade para recoñecer a valiosa contribución que realiza, non só no ámbito educativo senón tamén na comunidade”.
Pola súa banda, desde o Concello de Xove destacan a importancia deste evento, que “pon de manifesto 50 anos de traxectoria como homenaxe á memoria viva de centos de veciños e veciñas que pasaron polas súas aulas e que hoxe continúan dando vida cultural, social e humana ao noso pobo”.
O programa de actividades para o 50 Aniversario este sábado, 23 de maio, comezará ás 12:00 horas coa apertura de portas; ás 12:30 terá lugar o acto Institucional; ás 14:00 horas haberá un concerto da Escola Municipal de Música; ás 14:30 comezará un xantar de confraternidade; e ás 17:00 horas actuará o grupo Saíñas.


