O Centro Comercial Aberto de Burela ofrece todo un mes de decembro de actividades para dinamizar o comercio local durante o Nadal.

O Centro Comercial Aberto de Burela volve preparar a campaña de Nadal de este ano centrada en chamar a atención para que Burela continúe sendo núcleo de comercio na Mariña e que os negocios locais consigan mellores resultados que o ano anterior. Para lograr estes obxectivos, redobrarán esforzos facendo unhas xornadas lúdicas e atractivas para todo o mundo durante todo o tempo que duren as festividades. 

O día 7 de decembro, será a data de arranque do Nadal co acendido do alumeado público. A asociación de comerciantes estará presente desde ese día cunha participación moi especial na iluminación e coa a organización do pregón que este ano correrá a cargo de Joni Ramos, un músico que ofrecerá un espectáculo moi especial de Jazz e Soul. 

Tamén o día 7 farase entrega das 10 entradas para o Ballet O Cascanoces para os agraciados no sorteo que se organizou nas redes sociais de CCA Burela durante os días anteriores. 

Para non perder boca durante as semanas seguintes CCA Burela organizará a instalación dun tiovivo, un tren e un posto de churros na praza da Mariña para o desfrute de persoas grandes e pequenas. 

O día 22 é o día da lotaría e este ano os comercios e locais asociados a CCA Burela xogan o número 84803 e como curiosidade lembrar que este ano o folleto de actividades leva unha participación de 5 céntimos, así que se toca o gordo, o tríptico terá un valor de 1.000 euros. 

Tamén o 22 haberá un desfile de Papá Noeis musicais, a cargo de Dandara e ese día e o domingo 23, un día no que os comercios estarán abertos, un grupo de elfos de Papá Noel pasarán polos locais asociados de CCA Burela para recoller as cartas de nenos e nenas. 

Pero se non se atopan, o prato forte ven o 24 entre 17.00 e 19.00 horas xa que estará o mesmo Papá Noel na praza do Concello para facer un encontro moi especial con todos os rapaces e rapazas. 

Continuando nas festas, o día dos Santos Inocentes, 28 de decembro, e para recuperar a tradición das bromas, os establecementos de CCA Burela repartirán 1.000 sobres sorpresa entre a clientela. Algúns non levarán nada, pero outros si terán premios de descontos e vales de compras en locais asociados. 

O día 30 colocarase o Buzón dos Desexos Solidarios para que todos e todas poidan escribir unha ilusión especial para este Nadal. O mellor de todo é que un destes desexos farase realidade o día 5 de xaneiro, coincidindo co final da cabalgata de Reis Magos. 

Ese mesmo día tamén está preparada a xa tradicional rosconada de Reis no que a aquelas persoas que lles toque a sorte da sorpresa, recibirán ducias de agasallos doados polos asociados de CCA Burela. 

A directiva de CCA Burela amósase moi ilusionada con esta campaña e queren conseguir que o Concello continúe sendo de referencia na Mariña para que se realicen as compras e acompañalas con diversión para persoas de todas as idades.