O Colectivo Campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol continúa cos actos do seu 40 aniversario. O 23 de febreiro haberá un festival no seminario mindoniense.

O Colectivo Campamento Diocesano (CCD) de Mondoñedo-Ferrol continúa coa celebración do 40 Aniversario da súa creación. Para conmemorar esta efeméride, dende a coordinadora do CCD elaborouse un programa de actividades que leva por título “40 anos facendo camiño con Xesús” e que inclúe os seguintes actos:

-“40 anos de imaxes con Xesús”. Exposición fotográfica itinerante que se inaugurou na parroquia do Carme, en Ferrol, o pasado 4 de xaneiro e que xa percorreu diferentes lugares da nosa diocese: San Xosé Obreiro de Narón (do 18 ao 31 de xaneiro), Nosa Señora dos Desamparados de Piñeiros (do 1 ao 14 de febreiro) e Seminario de Mondoñedo (do 15 ao 28 de febreiro). En vindeiras datas estará en Ribadeo, tanto na parroquia como no local da Agrupación Belenista, e despois pasará por localidades como Foz, Burela, Viveiro ou Vilalba, entre outras.

-“40 anos cantando con Xesús”. Festival de música que se terá lugar este sábado, 23 de febreiro, no salón de actos do seminario de Mondoñedo. Dará comezo ás 18:30 horas da tarde con entrada libre e gratuita. Participarán dous recoñecidos músicos da Mariña, como son Tere Nécega e Tono Alonso, ademáis doutras tres agrupacións: Dominus Tecum –dúo conformado polos irmáns Javier e Óscar Santiago, ambos sacerdotes da nosa diocese–, Disco Compacto –dúo no que participan o coordinador do CCD, Álvaro de Lamas, e o acordeonista Nacho Álvarez– e P.I.L.I. (Pladurian Innovation Lambuxos Initiative) –trío creado para a ocasión polos irmáns Baruk e Rosana Domínguez e o percusionista Pablo del Valle–. No festival tamén se coñecerán os gañadores do I Certame Literario Infantil e Xuvenil do CCD, ao cal están convidados a participar todos aqueles rapaces de entre 9 e 17 anos que pasaran algunha vez polo campamento. O prazo de entrega dos traballos ao correo campadiocesano@hotmail.com finaliza este xoves, 21 de febreiro. Os galardoados terán a oportunidade de ler os seus traballos –o formato é libre (conto, poesía, relato curto...) pero a temática terá que estar relacionada co campamento– no transcorrer do festival. Ao finalizar o evento, haberá unha gran chocolatada para todos os asistentes.

-“40 anos celebrando con Xesús”. Romaría popular que terá lugar o 25 de maio en Vilalba ,e coa que se darían por pechados os actos de celebración. Ademais destes eventos especiais, o CCD organiza coma todos os veráns o campamento diocesano nas instalación do Seminario Conciliar Santa Catalina de Mondoñedo. Nesta ocasión, as datas van do 19 ao 28 de xullo. Poden participar rapaces e rapazas que naceran entre os anos 2001 e 2011. O prazo para facer a preinscrición comezará, previsiblemente, no segundo trimestre deste ano.