O Concello de Barreiros pon en marcha o proxecto Aula Mentor. Conta cun catálogo con máis de 200 cursos para maiores de 18 anos.

No día de hoxe tivo lugar a presentación da Aula Mentor de Barreiros.Un proxecto acadado mediante o convenio que o Concello de Barreiros subscribiu co Ministerio de Educación e Formación Profesional para o desenvolvemento de formación aberta, denominado “Aula Mentor”.

No acto estiveron presentes a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e os concelleiros Carmen Veiga e Antonio Veiga. Tamén contouse coa presencia de Manuel Pérez, empregado municipal, que actuará como  responsable do proxecto da Aula Mentor en Barreiros.

Aula Mentor é un programa educativo flexible a través de internet co obxectivo de promover ofertas de aprendizaxe que permitan a adquisición de unidades competencia, e no seu caso, as correspondentes cualificacións profesionais para favorecer o acceso o mercado laboral. Proporciona ademais unha oferta formativa de carácter formal, que se adapta as necesidades da poboación adulta, baseada na titoría personalizada, a distancia e mediante o uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

O Concello de Barreiros pon a disposición a aula de informática sita no teleclub de San Cosme como apoio ao funcionamento de Aula Mentor así como unha persoa responsable da aula que garantirá a correcta funcionalidade, mostrando asistencia ao alumnado nos procesos de matrícula, xestión do curso e na organización das probas de avaliación presenciais.

A alcaldesa de Barreiros manifestou "a importancia de contar en Barreiros coa posibilidade de realizar os exames dun catálogo tan amplo de cursos como os que oferta a Aula Mentor, cunha gran variedade, e posibilitando a formación complementaria ou a primeira formación para as persoas adultas."

"É un xeito de achegar a formación a todas as persoas, con independencia de onde vivan, reducindo os desprazamentos e, deste xeito, os custes que teñen que asumir aquelas persoas que queiran aproveitar ditos cursos, que xa non terán que acudir a outros concellos para realizar os exames." apunta Ana Ermida que, agradece a visita á subdelegada do goberno e enmarcouna dentro das vías de cooperación e colaboración que o Concello de Barreiros mantén co Goberno do Estado, que posibilitan a mellora dos servizos e equipamentos para a veciñanza.

O período de matriculación atópase aberto durante todo o ano agás no mes de agosto. As persoas interesadas poden escoller entre un catálogo composto por máis de 200 cursos dos que se poden informar a través da webwww.aulamentor.es ou ven na páxina web municipal www.concellodebarreiros.gal.