O Concello de Burela convoca o seu I Concurso sobre Actitudes Positivas nas Relacións, dirixido á mocidade do municipio

O Concello de Burela anuncia o seu I Concurso sobre actitudes positivas nas relacións, cuxas bases serán publicadas proximamente. 

O certame estará aberto a rapazas e rapaces entre 12 e 30 anos, que poderán presentar un traballo artístico de calquera tipo sobre a temática sinalada. Valorarase tanto o contido como o tratamento do tema, así como a orixinalidade e a expresión. 

“Aínda que aproveitamos o día de San Valentín para anuncialo, cremos que o amor ten moitas formas e nada ten que ver co mito do amor romántico", explica o concelleiro de Mocidade e Educación e primeiro tenente de alcaldesa Mario Pillado. 

O obxectivo do certame, explica o edil, é "que a xente moza nos dea unha idea do que deberan ser para eles e elas as relacións, xa sexan de parella, amizade, familiares ou mesmo cos seus maiores”.

A iniciativa municipal parte tanto da área de Mocidade, a cargo de Pillado, como da de Igualdade, a cargo da concelleira Sandra Fernández.

“Dámoslle moita importancia ás relacións de afectividade e a fomentar entre a nosa mocidade que estas se establezan en pé de igualdade, tanto nas parellas como nas amizades ou nas familias, para que tamén lles dean a todas elas a importancia e o valor que merecen no seu día a día” sinala Mario Pillado. 

O concelleiro destaca que “dende as áreas de Mocidade e Igualdade cremos que pode ser moi enriquecedor para as rapazas e os rapaces traballar neste eido”. “Ademais, o formato do concurso é libre, e nos seus traballos os participantes poden empregar a expresión artística que desexen”, engade. 

“O que pretendemos deste xeito é dar cabida á participación de toda a mocidade da vila para que amosen as súas inquedanzas neste tema, sexa cun debuxo, un texto, un audio, un video, un deseño gráfico, do xeito que queiran e poidan presentar ó concurso”, explica Pillado. 

“Agardamos que a iniciativa sexa do agrado da mocidade de Burela e que teña unha gran participación”, conclúe o edil.