O Concello de Burela instala unha carpa na Praza da Mariña con actividades para os nenos e nenas do 21 de decembro ao 7 de xaneiro.

A Concellería de Cultura apostou un ano máis pola instalación dunha carpa na Praza da Mariña con actividades para @s nen@s durante as festas de Nadal.

Estará aberta desde hoxe ás 17:00 horas ata o día 7 de xaneiro. Haberá obradoiros, xogos, photomaton, karaoke e inchables. Os horarios serán de 11:00 a 14:00 horas polas mañás e de 17:00 a 21:00 horas durante as tardes.

O día do neno será o 7 de xaneiro. Será a última xornada destas actividades que serán gratuítas durante esa xornada.

O concelleiro de Cultura, José Díaz, pensa que “será, como nos dous anos anteriores, un espazo para a diversión dos máis pequenos e das familias, a salvo das inclemencias meteorolóxicas e nunha época na que hai moito movemento comercial e de ocio polas rúas de Burela”.

O edil burelés lembrou que “estas actividades tiveron boa acollida con moi boa resposta nas edicións anteriores”.