O Concello de Burela ofrecerá unha recepción ás Guerreiras Laranxas o 27 de xuño. O equipo percorrerá nun tren turístico as rúas da vila.

O Concello ofrecerá unha recepción ás Guerreiras Laranxas mañá, 27 de xuño, despois de térense proclamado campioas de Liga esta pasada fin de semana. 

A alcaldesa de Burela, Carmela López, explicou que “ás sete da tarde un tren turístico vai recoller ao equipo no pavillón Vista Alegre para percorrer as principais rúas da nosa vila e ás oito recibirémolas aquí na Praza do Concello”. 

A rexedora convidou “a todos os veciños e veciñas a participar nesta homenaxe ás Guerreiras Laranxas. As rapazas do Pescados Rubén Burela FSF proclamáronse campioas de Liga esta pasada fin de semana, despois de ter conseguido a Copa da Raíña, a Supercopa de España e a Copa Xunta de Galicia esta tempada. Son unhas heroínas e esta homenaxe é mais que merecida, polo que supoñen para Burela e polos valores que transmiten sobre todo ás máis pequenas e pequenos”.