O Concello de Burela preparou unha variada oferta de ocio para xullo. Como novidade haberá rutas en kayaks pola costa.

O Concello organiza durante este mes de xullo varias actividades para veciñ@s e visitantes. Seguirán as Xeorutas polo Perdouro e A Marosa, e tamén a Ruta do Peixe. Haberá ademais cine ao aire libre, a semana de jazz, a segunda carreira nocturna Burela Bonita, a feira de antigüidades, a Festa Castrexa e a Romaría do Monte Castelo. Este ano como novidade, está programada unha ruta en kayaks pola costa de Burela a finais de mes. Estas actividades eran presentadas este mediodía polo alcalde, Alfredo Llano, e os concelleiros de Turismo, de Medio Ambiente e de Cultura, Ramiro Fernández Rey, Noelia María Ben e José Díaz.

O edil de Turismo e Deportes declarou que “no día de hoxe no Concello de Burela vimos de presentar as actividades que temos programadas para o mes de xullo, organizadas por parte do Concello. É un traballo coordinado entre as delegacións de Deportes e Turismo, de Cultura e de Medio Ambiente. Pensamos que temos un programa bastante atractivo para que a xente poida disfrutar del, e que abarca os ámbitos de entretemento e ocio en Burela neste mes de xullo”.

Ramiro Fernández Rey lembrou que “xa temos funcionando as Xeorutas e a Ruta do Peixe. Ademais disto este mes imos ter a Festa Castrexa, a Romaría do Monte Castelo e para completar estas actividades culturais tamén teremos unha feira de antigüidades, que vai ser o día 28 de xullo”.

O concelleiro de Deportes e Turismo engadiu que “con respecto á actividade deportiva imos organizar un torneo de fútbol 3x3 o día 19 na praza da Mariña, e o día 22 temos a carreira nocturna que este ano vai contar coa modalidade tamén para nenos que vai ser pola mañá no paseo marítimo, e imos completala cunha festa acuática para que ese día sexa de lecer para os máis pequenos”.

Fernández Rey subliñou que “como novidade este ano imos intentar empezar a facer unhas rutas en kayaks por toda a costa de Burela. Pensamos que é unha actividade atractiva e que pode dar os seus resultados”.

Para Ramiro Fernández “en principio consideramos que con esta programación que temos preparada para o mes de xullo damos por colmadas as nosas aspiracións respecto ao ocio de Burela. Estamos xa traballando na do mes de agosto que vai ter tamén moitos actos”.

O edil quixo “animar a participar a todo o mundo, tanto visitantes como veciños de Burela e agardamos que disfruten con esta programación tan importante que temos preparada”.

A festa castrexa celébrase esta vindeira fin de semana, o 18 haberá cine ao aire libre, o 28 será a Romería do Monte Castelo e tamén a feira de antigüidades.