O Concello de Cervo conmemorará o Día da Muller o 10 de marzo. Haberá un monólogo, unha cea con agasallos sorpresa e baile.

A Casa do Mar de San Ciprián acolleu a presentación do programa do Día Internacional da Muller, que organizan o Concello de Cervo, a través da delegación de Muller e igualdade, e as diferentes asociacións de mulleres do municipio.

Os actos están programados para o sábado 10 de marzo. 

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, asistiu á presentación da programación, na que tamén estivo presente a edil responsable do departamento, Pilar Armada; e representantes das diferentes asociacións de mulleres do municipio que colaboran: Asociación de Mulleres de San Ciprián, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade.

Armada recordou “que entre todas, conseguimos perfilar e consensuar un programa co que pretendemos chegar a todas as mulleres de Cervo, protagonistas de xeito simbólico este día, pero sempre presentes e participativas no día a día do noso municipio”. 

Deste xeito, o Concello organiza un campionato de tute e parchís, que xa se está a xogar  neste mes de febreiro.

Ademais, o sábado 10 de marzo, ás 20:00 horas o monologuista Xan Veiga actuará na Casa do Mar, nun acto aberto a todo o púbico.

Ese mesmo día  haberá unha cea para tódalas mulleres do Concello que desexen asistir. Será no restaurante Buenavista, ás 22:00 horas. As interesadas teñen ata o 8 de marzo para retirar os seus tickets a través das diferentes asociacións e tamén na Casa da Cultura de San Ciprián (982.59.51.57).

Haberá agasallos sorpresa para todas elas. Ademais, farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís. 

A xornada rematará con baile na Casa do Mar, a cargo do Dúo Epok-a

O Concello de Cervo anima a todas as mulleres do municipio a que se sumen aos diferentes actos programados nesta xornada.