O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a asistir á XXXIX Queimada Popular, que se celebra o 19 de agosto.

O Concello de Cervo convida a veciños a visitantes a asistir á XXXIX edición da Queimada Popular de Cervo, declarada de Interese Turístico Galego, que se celebrará mañá sábado,19 de agosto, ao longo de toda a xornada.

A cita, organizada pola Asociación Cultural Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello de Cervo, arrincará ás 10:00 horas co XXI Mercado Tradicional. Xa ás 12:00 horas terá lugar o tradicional paseo das Autoridades polo Mercado acompañados do grupo de gaitas Medio Quiñón.

Ás 13:00 horas será o pregón por parte das Autoridades, e o son das gaitas amenizarán toda a tarde.

Os visitantes poderán xantar nos diferentes postos instalados para a ocasión.

Coa chegada da noite, as meigas tomarán Cervo. Ás 23:00 horas está prevista a baixada da comitiva da Queimada, e ás 23:45 horas terá lugar a tan agardada Representación da XXXIX Queimada Popular.

Dende a 1:00 horas collerán o testigo os diferentes concertos programados: A Banda de Poi, a Banda de Balbina, Os Pinheiros Band e Malditos Pendejos.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, destacou que “a Queimada é unha festa que naceu dun pobo, de toda unha parroquia; organizada dende sempre pola Asociación Airiños do Xunco a quen quero agradecer a súa entrega ano tras ano, xa que son os responsables en gran medida de que a Festa adquirira a sona que ten a día de hoxe”

Villares quixo convidar a todos, veciños e visitantes, a que desfruten da xornada de mañá en Cervo, e da súa Queimada, que é unha representación do sentir galego, e o broche de ouro ideal para as Festas de San Roque; nunha contorna idílica como é o conxunto de Cervo, e en concreto a súa Praza do Souto”.