O Concello de Cervo ofrece un calendario de Entroido repleto de actividades para todas as idades.

O salón de actos do Concello acolleu a presentación da axenda de programación do Entroido no municipio. No acto estiveron presentes o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García, ademais de representantes da Asociación Airiños do Xunco e da Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, coas que o Concello colabora na organización do Entroido de Cervo e de San Román de Villaestrofe.

A programación inclúe actividades para tódalas idades e en diferentes puntos do municipio, dende o 25 de febreiro ata o 4 de marzo.

Deste xeito, en Cervo, o sábado 25 de febreiro terá lugar un Play-Back Infantil. Será ás 18:30 horas na Casa do Concello. O domingo 26, celebrase o desfile. Ás 17:00 horas os participantes deberán concentrarse no pavillón de Cervo para inscribirse e a saída está programada para as 18:00 horas. Haberá premios para os mellores difraces e cestas con produtos típicos de Entroido para todos os que se anoten. A charanga Aturuxo amenizará a xornada.

En San Cibrao, a cita principal será o martes de Entroido, 28 de febreiro. O tradicional desfile sairá da Praza dos Campos ás 18:00 horas. Haberá importantes premios en metálico para os mellores disfraces e comparsas, ademais de bolos preñados para os participantes e vales de consumicións nos locais de hostalería de San Cibrao, para os inscritos ata o venres 24 de febreiro. 

A charanga Os Macanudos  amenizará a tarde, e, xa pola noite, ao remate do desfile, collerá o testigo o grupo  de música Kalimea.  ÁS 22:30 horas terá lugar a tradicional cea de Entroido, organizada polo CIT.

Pola súa banda, o Entroido de San Román celebrase o 4 de marzo. Será a partir das 22:30 horas, amenizado pola orquestra La Favorita, con importantes premios en metálico para os mellores disfraces. Colaboran ademais neste Entroido Alcoa e a Asociación de Montes Veciñais de San Román.

Neste senso Villares destacou “que dende o Concello centramos os nosos esforzos en ofrecerlles aos veciños unha oferta lúdica do máis variada e completa; para que gocen do Entroido da mellor maneira posible, de feito,  nesa semana concentramos un amplo abanico de actividades para tódolos membros da familia e convidamos, por suposto, a todos, veciños e foráneos, a vivir connosco o Entroido de Cervo”.

Así mesmo, a edil delegada de Cultura, Dolores García, destacou que “ademais dos tradicionais desfiles, dende o Concello programamos unha Festa Infantil para o luns 27 de febreiro, na que haberá globos, pallasos, espectáculos e todo tipo de xogos e sorpresas para os máis pequenos” e, como novidade –engadiu- “o mércores 1 de marzo veciños e visitantes están convidados a bailar na Praza dos Campos, á que traeremos un espectáculo Dance Play para tódalas idades, ademais haberá tamén un concurso de máscaras e caretas”. A cita será ás 19:00 horas.

Como programación complementaria ao Entroido, este domingo, en horario de 11:00 a 14:30 horas, a Casa da Cultura acollerá un obradoiro de maquillaxe, impartido por unha especialista en técnicas de maquillaxe á agua. Ás 15 prazas están cubertas.