O Concello de Cervo presentou as noites alternativas de verán, que se desenvolverán en xullo e agosto para rapaces a partir dos 8 anos.

O Concello de Cervo presentou entre a mocidade a programación das noites alternativas de verán, que se celebrarán nos meses de xullo e agosto.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Educación, Dolores García Caramés, trasladáronse hoxe ata o IES Marqués de Sargadelos para entregarlle aos rapaces os dípticos informativos que se editaron con toda a información de actividades, horarios e datas, para animalos a participar nesta cita xa consolidada dentro da programación do Concello.

Deste xeito as actividades deportivas terán lugar ao longo deses meses de xullo e agosto, en horario de 22:00 horas a 00:30 horas. 

Tal e como explicou Villares “pensamos nunha oferta ampla e diversificada, unha proposta alternativa de ocio para que os rapaces e rapazas teñan acceso a diferentes disciplinas deportivas e practiquen tamén deporte durante o verán, durante o tempo de ocio, promovendo así hábitos de vida saudables”.

Así, haberá fútbol praia, fútbol 3*3, fútbol 7, rutas en kaiaks, volei praia, basket 3*3, pádel, unha noite do patín, noites de orientación e xogos.

As actividades desenvolveranse na praia do Torno, na Praza do Souto, de Cervo, na Praza dos Campos, de San Ciprián, e nas instalacións do complexo deportivo da Veiga.
As inscricións, abertas a todos os mozos e mozas do Concello de Cervo, pero tamén a todos aqueles visitantes e veciños da contorna que desexen participar, realizaranse o primeiro día de cada actividade, en horario de 21:00 a 21:30 horas.

Todas as actividades son de balde, e fixaranse diferentes categorías a partir dos 8 anos (sub 10, sub 12, sub 15, sub 17 e Senior).

O rexedor destacou “o compromiso do Concello de Cervo coa práctica do Deporte no seu conxunto, e un claro exemplo delo son as múltiples actividades que programamos durante todo o ano, non só en temporada lectiva, senón tamén durante o verán, para que os rapaces poidan tamén aproveitar o bo tempo para facer deporte ao aire libre  e compartir tempo de ocio con otros compañeiros e compañeiras”.

En todo momento as actividades estarán supervisadas e dirixidas por monitores cualificados.