O Concello de Foz organiza este mes de abril unha programación especial dedicada ao libro.

A Delegación de Cultura do Concello de Foz organiza durante este mes de abril nunha programación especial dedicada ao libro porque o vindeiro día 23 é o Día Mundial do Libro.

A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “para comezar o venres 8 a compañía Teatro do Atlántico trae a obra Libre coma os páxaros, que está baseada en textos de Rosalía de Castro. Esta obra achéganos a liberdade dunha muller que toma a palabra e non se somete as regras da arte nin acata os mandatos dos seus iguais. É unha obra na que se tenta mostrar o papel dunha muller que foi precursora nas nosas letras e que debe ser exemplo de cambio e liberdade no ámbito dos dereitos femininos”. A Casa da cultura acollerá esta representación ás 20.30 horas. O prezo da entrada será de 5 euros.

O Concello tamén colabora na 7ª Semana das Artes, organizada polo colectivo Tá en Artes e que se inaugura este xoves ás 20.30 horas no CENIMA. “Retomar este evento é moi importante para Foz, xa que dá visibilidade a artistas da comarca e fai unha moi importante labor cos centros educativos na difusión de actividades coma a pintura ou a escultura. Agradecemos a implicación de todos os membros de Tá en Artes, que achegan un mundo tan interesante á toda a poboación, demostrando que as obras de arte non so están nos museos, senón que se poden desfrutar de múltiples formas”, explica Inés López. Este ano a mostra dedícase a Quique Guerra e contará con múltiples expresións culturais, que compartirán espazo nas salas do CENIMA en horario de luns a venres de 9.30 a 13.30 horas, sábados e festivos de 18 a 20 horas e domingos de 12 a 14 horas.

O martes 12 a Biblioteca Municipal organiza un contacontos con Raquel Queizás, Cinema Marabillas. É un espectáculo para toda a familia que afonda no cine mudo e a literatura e que estará cheo das historias dos clásicos infantís (Alicia no País das Marabillas, Peter Pan, O Mago de Oz…). “Queremos recuperar a programación da Biblioteca para que os máis pequenos se acheguen á literatura e os libros. A maxia vive nas páxinas de tantos libros que se gardan dentro as historias máis fermosas e que temos nos anaqueis das nosas casas ou da biblioteca. O noso traballo é achegalo á tod@s”, indica a concelleira de Cultura. Esta actividade, que será gratuíta, terá lugar na Casa da Cultura ás 20 horas.