O Concello de Lourenzá conmemora a figura de Rosalía de Castro cun mural e cunha representación teatral infantil o 22 de abril.

O Concello de Lourenzá acolleuse á convocatoria da Área de Cultura da Deputación de Lugo para conmemorar a figura de Rosalía de Castro con dúas actividades: un mural e unha representación teatral infantil, que está programada para o día 22 de abril.

O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, explica que “a primeira actividade foi a elaboración dun mural na entrada do CEIP Juan Rey realizado por Concepto Circo. A segunda terá lugar o 22 de abril, en vésperas da celebración do Día do Libro. Trátase do espectáculo teatral con monicreques de mesa A viaxe de Rosalía, a cargo da actriz Larraitz Urruzola. Vai dirixida a público infantil e tamén se desenvolverá nas dependencias do colexio”.