O Concello de Trabada organiza o 1 de maio o seu “Encontro dos nosos maiores” para as veciñas e os veciños de máis de 65 anos

O Concello de Trabada organiza un ano máis o seu Encontro dos nosos maiores, unha cita festiva e de lecer ao que están convidados tódolos veciños e veciñas maiores de 65 anos e o seu respectivo cónxuxe ou familiar.

“Despois dunha vida intensa de traballo, as persoas maiores merecen o noso recoñecemento e por iso o concello organiza esta xornada tan especial, unha homenaxe e un día de fraternidade e reencontros, no que xuntamos a diferentes xeracións e a veciños e veciñas de todas as parroquias”, asegura o alcalde de Trabada, Rubén García.

O xantar dará comezo ás 14:00 horas no pavillón municipal de Trabada, con entrega de agasallos e baile posterior.

As persoas interesadas deben inscribirse á maior brevidade posible e, en todo caso, antes do día 24 de abril (mércores) de forma presencial nas oficinas municipais ou ben chamando por teléfono ao número 982 135 011 en horario de 09:00 a 14:00 horas.