
O Departamento de Cultura do Concello de Xove pon en marcha unha nova iniciativa cultural dirixida ás persoas afeccionadas á lectura: a creación dun Club de Lectura na Biblioteca Municipal de Xove. “Este proxecto nace co obxectivo de crear un espazo de encontro para todas aquelas persoas que disfrutan dos libros e que desexan compartir a experiencia da lectura con outras persoas. Con este propósito a Biblioteca Municipal organiza un primeiro encontro informativo e de toma de contacto para iniciar a posta en marcha do club. A reunión para todas as persoas interesadas terá lugar o venres 27 de marzo ás 19:00 horas nas instalacións da biblioteca”, anuncia o Concello de Xove, que engade: “este encontro servirá para explicar o funcionamento do club, recoller propostas das persoas asistentes e establecer conxuntamente as directrices desta nova actividade cultural, coa intención de que resulte atractiva e enriquecedora para todas as persoas participantes. Dende o Concello de Xove anímase a todas as persoas amantes da lectura e usuarias da biblioteca a achegarse a esta primeira reunión e a formar parte deste novo espazo de encontro cultural, no que compartir e disfrutar xuntos da boa lectura”.
O Concello de Xove explica tamén que o club de lectura “concíbese como un lugar de reunión periódica no que, nun ambiente de respecto, tolerancia, participación e entretemento, os participantes poderán comentar e intercambiar impresións sobre a lectura dun mesmo libro. Trátase dunha actividade pensada para fomentar o gusto pola lectura, o diálogo e a convivencia arredor da literatura”.


