O grupo ribadense Remakers sacará o seu 2º disco en decembro e como adianto editaron un videoclip, que se presentará no Cine Ribadeo o 27 de novembro.

O grupo ribadense de rock Remakers terá o seu segundo disco na rúa neste vindeiro mes de decembro e como adianto acaba de editar un videoclip, que se presentará no Cine Ribadeo o día 27 deste mes, martes, ás 19:00 horas. Será un acto aberto ao público, con entrada gratuíta e que contará coa presenza de varios compoñentes do grupo, que falarán deste traballo audiovisual e do disco. Ademais os asistentes poderán ver o videoclip en primicia. 

Remakers anuncian que “como adianto a este disco, que incluirá oito composicións propias, escollemos o single titulado Amiga Ansiedad, do cal presentamos un videoclip á altura do que creemos que se merece o traballo discográfico que temos entre mans. O vídeo está dirixido por Gloria Tejero e Daniel Díaz, da produtora 60 Ráfagas. Son de Ribadeo e teñen traballos premiados en varios festivais”.

Este traballo audiovisual foi rodado en diversas localizacións da Mariña lucense e de Lugo capital. A produción musical correu a cargo de Víctor Álvarez e dos propios Remakers.