O IES Monte Castelo, de Burela, acollerá o 15 de marzo novas actividades do programa ilustrarNÓS, promovido pola Vicepresidencia da Deputación.

As actividades do programa ilustrarNÓS, promovido pola Vicepresidencia, continúan este luns, 15 de marzo, con dous obradoiros nos colexios Rosalía de Castro e Anexa de Lugo e unha charla da ilustradora  Bea Lema no IES Monte Castelo de Burela.

Nos colexios lucenses, Polo correo do vento dirixirá un sesión pensada para que o alumnado se familiarice co proceso creativo, tomando como referencia a biografía da pintora viveirense Maruja Mallo. Na posta en escena, mesturase a narración oral coa ilustración en directo. A actividade, baixo o título Ilustrar conta, culmina cun obradoiro de debuxo no que se propón que os particpantes realicen unha caricatura da artista.

No instituto de Burela, a ilustradora e debuxante de comics Bea Lema impartirá unha charla titulada “O proceso creativo na ilustración”, unha exposición na que compartirá co alumnado a súa experiencia como creadora en diferentes técnicas e formatos.

A artista coruñesa, formada como deseñadora de produto na Universidade da Coruña, comenzou a súa traxectoria profesional en 2011 na firma de cerámica Sargadelos. Desde 2013, desenvolve o seu traballo de forma independente, realizando diferentes proxectos e publicacións. 

A primeira delas foi o minilibro ilustrado “Pasado ou futuro?”, premiado pola revista Fuera (de) Margen en 2015. Despois chegaron “O Diario de Raquel”, con texto de Paco Climent, e “O Corpo de Cristo”, unha novela gráfica que trata a enfermidade mental desde a perspectiva dunha nena e coa que gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.  

Próximas datas

Polo correo do vento estarán o luns 22 de marzo no CEIP Lagostelle de Guitiriz e no CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.

Bea Lema visitará o IES Pedregal de Irimia de Meira o 22 de marzo e o IES A Pinguela de Monforte de Lemos o 7 de abril. 

Ademais, o xoves 18 de marzo dirixirá un obradoiro na Escola de Artes Ramón Falcón que, ese mesmo día, acollerá unha conferencia a cargo da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (Agapi).

En marcha, o certame ilustrarNos

Os centros educativos están tamén convidados a participar no certame ilustrarNÓS. As alumnas e alumnos que desexen participar deberán realizar unha ilustración tomando como referencia unha das citas de  Alfonso Daniel R. Castelao indicadas nas bases do certame en función de cada etapa educativa.

Para 5º e 6º de Educación Primaria, proponse a cita  “-Que comerá o rei?; no caso de  1º e 2º de ESO, proponse realizar o exercicio creativo arredor da frase  “Vale máis unha terra con árbores nos montes ca un Estado con ouro nos bancos”; para 3º e 4º de ESO, o punto de partida é a coñecida “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Para Bacharelato e ciclos formativos,  elixiuse como premisa creativa “O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos”

O prazo para participar manterase aberto ata o  23 de abril, coincidindo co Día do Libro.