O Parque de San Francisco, de Ribadeo, acollerá o 26 de agosto unha nova edición do guateque dos anos 60.

O Parque de San Francisco acollerá o vindeiro sábado, 26 de agosto, unha nova edición do guateque dos 60, que organiza a comisión de festas coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, dixo que “o guateque é un dos eventos máis esperados durante o ano en Ribadeo. Esa homenaxe á música que marcou toda unha época e esas cancións de sempre que nunca pasan de moda. Chegou o día. O vindeiro sábado, 26 de agosto, a partir das oito da tarde temos e tedes todas e todos unha cita no Parque de San Francisco, unha cita na que Ribadeo retrocederá de novo a eses marabillosos anos 60. O guateque está organizado pola asociación Santa María do Campo e San Roque e colaboran o Concello, a Xunta e Estrella Galicia”.

A edil ribadense subliñou que “o Parque de San Francisco, que será coidadosa e mimadamente decorado e ambientado para a ocasión, agardará impaciente a visita de veciñas, veciños, turistas e visitantes de todas as idades e todos os lugares que se queiran achegar para disfrutar dunha noite moi especial chea de música, de baile, de risas e nun ambiente inmellorable”.

Saiz anima a asistir: “acudide á cita. Cos 60 na memoria lembraremos todos xuntos aqueles marabillosos anos á vez que dalgunha maneira despedimos o mes de agosto e moitos o seu verán en Ribadeo”.

Na presentación do guateque estiveron presentes o alcalde, Dani Vega, os concelleiros de Cultura, Benestar Social, Medio Ambiente e Turismo, e os membros da comisión de festas.