O programa Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo chega ata o 27 de maio a Cervo, Ribadeo, Barreiros, Burela e Foz.

Preto de 180 veciños e veciñas de oito entidades da provincia de Lugo participan esta semana no programa da Deputación Coñece a túa provincia. Esta semana é a quenda da veciñanza de Xermade, Pantón, Lugo, Vilalba, Guntín e Becerreá, que coñecerá o patrimonio natural e cultural da provincia de Lugo a través de diferentes itinerarios.

Este martes a Asociación de Veciños de Roupar, de Xermade, comezou o seu percorrido no Mazo de Santa Comba xunto ao Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, para continuar pola montaña e visitar Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. O Pazo de San Marcos foi a primeira parada da Unión Xeral de Traballadores de España, onde os recibiu a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. Na viaxe percorreron o concello de Cervo con visitas á Fábrica de Sargadelos, o paseo dos Namorados ou o Museo do Mar, entre outros. 

Mañá mércores será a quenda dos alumnos do Colexio Público de Pantón, que visitarán a cidade de Lugo. Percorrerán a Muralla e o centro histórico, coñecerán o pasado da cidade no Museo Provincial e visitarán lugares como a ponte romana ou o balneario. O percorrido comezará no Pazo de San Marcos, coñecendo a historia deste edificio, agora sede da institución provincial. No caso da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple, os usuarios e usuarias achegaranse á costa de Lugo para coñecer os concellos de Ribadeo e Barreiros. Antes farán unha parada nas instalacións da produtora do Servizo de Audiovisuais da Deputación.  

O xoves é a quenda do Instituto de Estudos Chairegos Pena do Encanto, de Vilalba, e da Asociación Besol, de Guntín. Os vilalbeses coñecerán o Pazo de San Marcos e continuarán a súa viaxe cara Taboada e Chantada, onde visitarán o patrimonio románico dos concellos e aprenderán sobre a viticultura heroica. Pola súa banda, o colectivo guntinés coñecerá o funcionamento da Granxa Gayoso Castro da institución provincial para poñer rumbo á costa. Fará un percorrido por Burela e Foz, onde coñecerán o traballo das redeiras, algunha das praias de ambos concellos e a basílica de San Martiño.

Para rematar a semana, o venres a Asociación de Nenos e Nenas con Diabetes de Galicia visitará o Mazo de Santa Comba e achegaranse ao concello de Cervo. Tamén a Asociación de Pais de Alumnos do CEIP San Xoán de Becerreá coñecerá as instalacións da Granxa Gayoso Castro, de titularidade provincial, e realizarán un percorrido pola lagoa de Cospeito e o museo das aves, e polo casco histórico de Vilalba.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo destacou o bo funcionamento do programa Coñece a túa Provincia, co que “buscamos apoiar a actividade do sector turístico, hostaleiro e comercial, e consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”. 

Polo turismo de proximidade
Máis de 3.000 persoas de 135 asociacións beneficiaranse das viaxes gratuítas pola xeografía lucense nesta segunda tempada do Coñece a túa Provincia. As saídas terán lugar en dúas quendas que permitirán coñecer a provincia en primavera, entre marzo e xuño, e en outono, de setembro a novembro.  

O programa inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas son realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.