O programa DiverFoz desenvolverase do 26 de decembro ao 4 de xaneiro. As actividades están destinadas a rapaces a partir de 8 anos.

Presentado o programa DIVERFOZ para estas datas de Nadal, a cargo da concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez Leivas.

Desde este departamento sinalaron que “levamos meses cunha situación epidemiolóxica que provoca que non poidamos realizar algunhas das actividades habituais, pero desde a Delegación de Xuventude e Deporte non renunciamos a ofertar programas como Aberto x Vacacións ou as Escolas Deportivas Municipais. A organización e desenvolvemento destas actividades supón un esforzo e responsabilidade maior, pero cremos que o deporte, así como o desenvolvemento persoal e social na infancia e na mocidade, é esencial para o presente, pero tamén para o seu futuro. Por este motivo, a pesar da complexa situación, continuamos co reto de ofrecer actividades que agardamos sexan atractivas e nas que poñemos moita ilusión”.

E engaden: “o programa DIVERFOZ que presentamos para estas datas, vai dirixido a mozos/as  partir de 8 anos. Mestura o ocio e o deporte, sempre contando con protocolos de prevención de contaxio da Covid19. Desexamos que a mocidade goce, practique deporte, de forma segura. Este programa é unha mostra do que é Foz: aberto, vivo, divertido. O virus é todo o contrario, e queremos mantelo a raia, contando con todas as medidas de prevención nun protocolo que contempla todas as actividades que compoñen DIVERFOZ”.

Entre o 26 de decembro e o 4 de xaneiro haberá as seguintes actividades:
Combate láser: practicamos deporte nos xardíns da Praza Conde de Fontao a tarde do 26 de decembro. En equipos de 3 persoas correremos e desenvolveremos estratexias para que os/as contrincantes non nos capturen co seu láser.  

Futbolín humano: no Campo da Cabana, durante todo o 29 de decembro, imitaremos ás figuras do futbolín, limitando os nosos movementos. En equipos de 3 persoas, teremos que tirar de estratexia e habilidade, porque desta vez, non poderemos correr.

Superdeslizador: na Praza Conde de Fontao deslizarémonos en donuts por rampas que chegan aos 7 metros. Veremos o porto a vista de paxaro, antes de gozar da divertida baixada. Haberá quendas para todos/as porque o superdeslizador estará o 2 e o 3 de xaneiro en xornada de mañá e tarde. Poderás pasar por alí e pedir quenda. A monitora informarate da hora á que debes estar alí.

Basketstreet: o CB Celtas colaboran neste programa cun circuíto de habilidade e tiro para a mañá do 4 de xaneiro, na Praza de Galicia. Xa sabemos das ocurrencias dos Celtas, polo que seguro será moi divertido.

Todas as actividades requiren inscrición previa, excepto o Superdeslizador. E para que sexa sinxelo, tan só se deberán remitir os datos persoais do equipo (para combate láser e futbolín) ou da persoa interesada en participar (basketstreet) ao correo electrónico: diverfoz@concellodefoz.es ou a través de mensaxe directa ao perfil do Concello de Foz nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram. Despois serán informados/as do horario no que participan e as medidas de seguridade.