O proxecto Na Casa Deles preséntase en Mondoñedo cun concerto do cuarteto vocal Son de Corda este venres, 22 de decembro

O proxecto musical e literario Na Casa Deles presentarase en Mondoñedo cun concerto do cuarteto vocal Son de Corda este venres, 22 de decembro, coincidindo co 112 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Será ás 20:00 horas no auditorio municipal Pascual Veiga, con entrada libre.

Son De Corda (Esperanza Iglesias, soprano; Carmen Prendes, contralto; Fernando G. Jácome, tenor; e Antón Castro, baixo) interpretarán poemas de Darío Xohán Cabana, Álvaro Cunqueiro, Manuel María, Uxío Novoneyra, Luís Pimentel e Lorenzo Varela, e unha peza de literatura de tradición oral. Estarán acompañados por Raúl Rodríguez ao piano e Aldara Palmeiro co violín.