O proxecto Pesca Saúde instalará puntos de información móbiles en Burela e Viveiro os días 14 e 15 de abril

Baixo o lema Alimentos do Mar, alimentos de Vida, o proxecto Pesca Saúde instalará puntos de información móbiles en Burela e Viveiro “para amosar o beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais, e ofrecer degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha foodbike. Nestes espazos repartiranse ademais guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, e vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña”, anuncia o GALP A Mariña-Ortegal. Os eventos celebraranse no exterior dos centros de saúde, en horario de 11 a 13 horas o martes 14 en Burela e o mércores 15 en Viveiro. Estas actividades completaranse cunhas xornadas técnicas no mes de maio na Casa do Concello de Burela, nas que profesionais sanitarias expoñerán os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde e o benestar.

O GALP A Mariña Ortegal explica que o proxecto Pesca Saúde “nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. Por iso promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables. O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional: conteñen moitos nutrientes esenciais en proporcións axeitadas e con poucas calorías. Proporcionan proteínas de alto valor biolóxico, con todos os aminoácidos esenciais, e graxas cardiosaudables, ricas en ácidos graxos omega-3 (EPA e DHA), que o corpo non pode fabricar por si mesmo. Está probado o seu beneficio no sistema cardiovascular, na saúde cerebral e función cognitiva, na saúde ósea e muscular, na inmunidade e no metabolismo”.

Na campaña Pesca Saúde as peixerías terán tamén un papel protagonista a partir do 15 abril. Será entón cando os puntos de venda comecen a aceptar os vales de desconto de 5 euros, aplicables directamente na compra, que se repartirán entre a poboación nos eventos a celebrar nos centros de saúde.

Ademais entre o 15 de abril e o 30 de xuño todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60 euros  ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría.

As peixerías participantes estarán identificados co distintivo oficial da campaña.