O recoñecido arpista Rodrigo Romaní actuará o 8 de abril en San Ciprián. Estará acompañado de Bea Martínez e Julio Feijoo.

O Concello de Cervo, a través da Delegación de Cultura que dirixe Dolores García Caramés, programou para o vindeiro sábado, 8 de abril, a actuación do recoñecido músico e arpista Rodrigo Romaní. A cita será ás 20:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura.

Romaní formou parte do grupo Milladoiro durante 22 anos, e a partir do ano 2000 comezou a publicar discos en solitario.

A día de hoxe ten no mercado tres traballos en solitario: Albeida (2000), Cantos Caucanos (2003) e As arpas de Breogán (2012), e nestes intres está a preparar un novo disco que avanzará en primicia neste concerto.

Romaní é un multi-instrumentalista, ademais da arpa, toca a guitarra, o bouzouki e a ocarina, e tamén é vocalista. Realizou arranxos instrumentais, ademais dalgunhas letras do dúo Sete Saias.

O arpista actuará en trío este sábado en San Ciprián, acompañado por Bea Martínez e Julio Feijoo.