O salón de actos do Concello de Lourenzá acolle unha mesa redonda sobre Fernández del Riego este venres, 1 de decembro

O salón de actos do Concello de Lourenzá acolle unha mesa redonda titulada “Fernández del Riego: de Lourenzá a América” este venres, 1 de decembro, ás 19 horas. 

Esta actividade está organizada polo Consello da Cultura Galega, que explica: “Francisco Fernández del Riego, natural dunha bisbarra con alta emigración a América que xa dera fillas ilustres ás letras uruguaias como Juana de Ibarbourou, foi un colaborador frecuente na prensa galega e galeguista da emigración e do exilio dende a súa mocidade, e de maneira particular nos anos da posguerra, adoito co pseudónimo Salvador de Lorenzana. Nas súas crónicas informaba aos ausentes da evolución cultural, social e económica de Galicia; e como representante do galeguismo do interior mantivo un elo estreito cos galeguistas do exilio. Nesta mesa abórdase a polifacética relación de Lourenzá e Fernández del Riego coas colectividades galegas emigradas”.

Da presentación encargaranse a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, e o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas, que tamén moderará a mesa redonda, na que intervirán Malores Villanueva, do IES Álvaro Cunqueiro (Vigo); Prudencio Viveiro Mogo, do Consello da Cultura Galega; e Pilar Cagiao Vila, da Universidade de Santiago de Compostela.

A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.