O torneo Héroes do Orzán, organizado co apoio da Vicepresidencia da Deputación, reunirá a 55 equipos do 24 ao 28 de xuño na Mariña.

Presentouse no Pazo de San Marcos unha nova edición do torneo de fútbol sala base “Heroes do Orzán”, que reunirá na Mariña equipos de base de todo o Estado en memoria de Rodrigo Maseda Lozano, policía burelés que perdeu a vida ao intentar rescatar un mozo na praia coruñesa do Orzán en 2012 xunto a outros dous compañeiros.

Isabel Lozano, nai de Rodrigo Maseda Lozano, participou no acto de presentación,  xunto ao deputado de Deportes, Efrén Castro, o presidente da Fundación Indecum, Marcelino Luna,  o director do torneo, Alfonso Mera, e o Comisario Principal José Esteban Corral. Tamén asistiron o alcalde de Burela, Alfredo Llano, o tenente alcalde de Viveiro, Suso Fernández, e o concelleiro de Deportes de Cervo, David Rodríguez.

O torneo, que volve despois de dous anos, disputarase do 24 ao 28 de xuño en Burela (Vista Alegre e Monte Castelo), San Cibrao (A Veiga), Xove, Viveiro e Foz (Marzán), unha sede compartida que procura extender pola comarca o espectáculo deportivo e o dinamismo social e económico deste tipo de citas -na que familiares e amigos acompañan a xogadoras e xogadores-, así como a lembranza de Rodrigo Maseda Lozano.

A Fundación Indecum, que organiza o evento co apoio económico da Vicepresidencia da Deputación, agarda uns 650 participantes:  xogadores, xogadoras e técnicos dos diferentes equipos duns 55 equiposdas categorías  biberón mixto, prebenxamín mixto, benxamín mixto, alevín mixto, infantil mixto, cadete masculino, cadete femenino e xuvenil masculino

No cartel do evento, destaca a ampla participación de equipos mariñáns, ademais de clubs doutros puntos de Galiza e do Estado Troula Betanzos, ED Celanova, Hércules Coruña FS, Sala Ourense,UD Las Rozas Boadilla, Valladolid Tierno Galván, EFS Siero.

A organización xestiona nestes días o aloxamento dos equipos de fóra da comarca, que se hospedarán fundamentalmente en hoteis de Viveiro, Foz e San Cibrao. Á demanda xenerada polos participantes súmase a de familiares e acompañantes, que multiplicarán o impacto económico do evento na hostelería da comarca.