O V Torneo de Tenis Concello de Burela Memorial José Luis Yebra disputarase do 15 ao 28 de xullo. A inscrición está aberta ata o 12.

No Concello de Burela presentouse esta mañá o V Torneo de Tenis Concello de Burela Memorial José Luis Yebra, que se celebrará do 15 ao 28 de xullo. A cita está organizada polo Club de Tenis-Pádel A Marosa coa colaboración do Concello. A inscrición está aberta ata o día 12 deste mes. O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, subliñou que se trata dun torneo que é un éxito ano tras ano.

O edil socialista contou que “presentamos a quinta edición do torneo de tenis Concello de Burela Memorial José Luis Yebra, que se vai disputar do 15 ao 28 de xullo nas pistas do club de tenis da Marosa. Este torneo está dedicado a José Luis Yebra que era un gran afeccionado ao tenis, que tristemente nos deixou fai uns anos, e en recordo del séguese celebrando este memorial”.

Ramiro Fernández explicou que “o torneo vai contar coas modalidades individual absoluto, dobres absoluto e xoves promesas. O prazo de inscrición é ata o día 12 de xullo. Para anotarse pódese chamar aos números de teléfono de contacto que son o 630 744 347 e 687 433 380 e mediante o correo electrónico do club de tenis que é clubdetenispadelamarosa@outlook.com.”

O concelleiro de Deportes salientou que “é un torneo xa tradicional que organiza o Club de Tenis-Pádel A Marosa e que está sendo un éxito ano tras ano. Desde a Concellería de Deportes apoiámolos e estamos axudándolles a levalo adiante”.

Fernández Rey quixo “animar á xente a participar, a disfrutar do tenis e a aproveitar unhas instalacións que están renovadas, nas que o Concello leva investido moitos cartos nelas durante estes anos e a verdade é que agora mesmo son un auténtico luxo. Como sempre o Concello de Burela está detrás deste tipo de iniciativas para fomentar o deporte a todos os niveis que nos parecen moi interesantes, e aí estaremos apoiando este tipo de eventos”.

No acto de presentación estiveron tamén membros da organización e o alcalde, Alfredo Llano.