O XXXV Curso de Formación Orquestral de Xove será do 28 de marzo ao 1 de abril

O XXXV Curso de Formación Orquestral de Xove, que será do 28 de marzo ao 1 de abril, aposta polo proxecto Xente Miúda. Está organizado pola asociación Prestoxove e conta co patrocinio do Concello de Xove.

Nesta edición participarán como profesorado convidado Carmen Varela, responsable da sección de violíns; Nara Carballal, á fronte das seccións de violas e violonchelos; Daniel Roca, encargado da sección de vento; e Baruk Domínguez, que traballará co alumnado da sección vocal do proxecto.

O Concello de Xove explica que “a organización do curso mantén unha estrutura semellante á de anos anteriores. As mañás, en horario de 10:30 a 14:00 horas, estarán dedicadas aos ensaios seccionais e xerais de orquestra no colexio de Palmeiro. Polas tardes, de 16:00 a 19:00 horas, realizaranse ensaios de música de cámara, así como leccións maxistrais das distintas especialidades. O Curso de Formación Orquestral está aberto a alumnado de corda, vento e canto, con diferentes niveis instrumentais, que desexe participar nesta experiencia formativa”.

Tamén anuncia que “como parte da programación, o martes 31 ás 18:00 horas terá lugar un concerto de música de cámara, no que o alumnado ofrecerá actuacións en diversas formacións. A clausura do curso celebrarase o mércores 1 de abril ás 18:00 horas coa representación do proxecto Xente Miúda, interpretado conxuntamente por todos os participantes. Estes concertos levaranse a cabo no Salón de Actos do Centro Cívico de Xove, con entrada libre e gratuíta para tódolos públicos. A XXXV edición do Curso de Formación Orquestral incorpora este ano unha importante novidade, xa que o eixo central do programa será a preparación do proxecto musical Xente Miúda, que se combinará co traballo e a organización de diferentes grupos de música de cámara”.

Xente Miúda é un proxecto que reúne un total de 15 cantigas da autoría de Nacho Fonseca, incluídas nun disco gravado baixo maqueta instrumental no ano 1988 polo alumnado da Escola Municipal de Música de Xove. Para esta edición do curso as pezas foron revisadas, reescritas e arranxadas por Xan Carballal, adaptándoas ás características do alumnado actual que participará no curso.

O disco orixinal gravárase sobre unha maqueta instrumental e incluía a tradución ao galego dos textos, xa que a versión inicial estaba en asturiano. Agora, a recuperación deste proxecto supón unha actualización tanto musical como textual, pensada expresamente para o alumnado da escola. Ademais Xente Miúda desenvolverase ao longo do ano en distintos formatos, coincidindo coa celebración do 40 aniversario da creación da Escola Municipal de Música de Xove.