
O Concello de Cervo e o do Valadouro convidan á veciñanza a participar na II Xuntanza na Punta da Carretera, unha celebración que terá lugar este domingo, 30 de agosto, no espazo situado entre os concellos de Cervo e O Valadouro e que “busca favorecer o encontro e a convivencia entre os veciños e veciñas de ambos municipios”.
A programación arrancará ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada polo dúo Eclipse, á que seguirá, ás 14:30 horas, unha comida campestre cun menú de 20 euros que inclúe empanada, churrasco, chourizo, sobremesa, café, pan, viño e auga. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, continuará a festa cunha nova sesión musical do dúo Eclipse, “garantindo ambiente festivo durante toda a xornada”.
Desde o Concello de Cervo destacan “a importancia de manter e impulsar este tipo de encontros, que permiten estreitar lazos entre os municipios, promover a convivencia e poñer en valor o carácter aberto e participativo da veciñanza”.
A organización habilitará un recinto cuberto con carpa e haberá inchables gratuítos para os nenos e nenas, así como música durante toda a xornada na cantina e unha degustación gratuíta de produtos elaborados con porco celta.
As persoas interesadas en participar na comida poden adquirir os seus tickets a través de Roberto (671.960.613) ou Laureano (695.106.207).
O Concello de Cervo convida así a veciñanza a achegarse á Punta da Carretera e “gozar dunha xornada de irmandade, música, gastronomía e diversión nun contorno compartido entre Cervo e O Valadouro”.


