Os días 15 e 16 de abril celebrarase en Burela a terceira edición do Enduro Monte Castelo.

A Asociación de Comerciantes, Industrias e Autónomos de Burela e o Club Ciclista Cerezo Bikes organizan a III edición da iniciativa Enduro. Monte Castelo durante a fin de semana do 15 e 16 de abril. 

Esta proba consta de 25 quilómetros nun contorno natural, 1.450 metros de acumulada, 4 circuítos cronometrados e será puntuable para a Copa Galicia. 

Dende a entidade comercial queren convidar a todas as persoas amantes do ciclismo a participar nesta proba deportiva e visitar os establecementos de proximidade de Burela durante esa fin de semana, “sendo unha boa oportunidade para impulsar o comercio e a hostalería local. Invitamos a todas as veciñas e veciños da Mariña Lucense para que acudan ao evento”.

No acto de presentación, que tivo lugar no Concello de Burela, participaron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, o presidente de Acia Burela, Ignacio Andía, así como Jorge Cerezo e Jaime Seijas, representantes do Club Ciclista Cerezo Bikes.