Os días 17 e 18 de agosto terá lugar unha nova edición do Mercado de Rúa, que organiza Acisa. Na cita participan 30 comercios.

Mañá e o domingo, días 17 e 18 de agosto, preto de  30 establecementos asociados a ACISA Ribadeo sacarán á rúa os seus produtos nunha nova edición do Mercado de Rúa, que organiza a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos en colaboración coa Xunta de Galicia e co Concello de Ribadeo.

Un ano máis ACISA programa esta actividade de dinamización comercial co obxectivo de facer mais accesibles os produtos aos clientes.

Dende a xerencia da asociación, Jesús Pérez, explicou hai uns días que “dende ACISA cremos que esta cita é moi interesante para os nosos asociados e tamén para os seus clientes. Con ela pretendemos facer un comercio mais preto de ti, facendo que na propia rúa poidas ver os produtos sen necesidade de entrar nas tendas”.

E engadía: “este ano ven con novidades, xa que adiantamos as datas de celebración para que coincidira coa fin de semana na que probablemente se congrega mais xente na nosa vila, así @s veciñ@s e visitantes poden aproveitar os últimos días de rebaixas e quizais algún avance de tempada”.

Pola súa banda, Juan Andina, vicepresidente de Acisa, indicou que “para os comercios é moi positivo realizar esta campaña nestas datas, así podemos competir en igualdade de condicións cos vendedores ambulantes e co Mercado Pirata na mellor época para nos, sen prexudicar a ninguén, por suposto; pero buscando a formula de traballar en igualdade de condicións”.

Jesús Pérez conta que “nesta edición son preto de trinta establecementos os que participan. Non todos poden estar polo tipo de produto que venden ou por falta de espazo na rúa, pero é unha campaña na que os que participan sempre nos fan chegar moi bos resultados. Este ano poderase encontrar roupa de home e de muller, calzado, xoguetes, roupa infantil, librarías, xoierías... por suposto todos produtos de máxima calidade e das mellores marcas”. 

Os establecementos participantes nesta campaña, nos que ademais se poderán  encontrar grandes ofertas son: Xoeiría Azabache, Nina, Platería Gutié, Opticalia, Bis a Bis, Bora Bora, Lencería Julia, Pequerrechos, Glass, Farfala, Mika, Marcelota, Anais, La Moda Hombre, R23, Adele, Sanjurjo, Esprit, Nana, La Floristería, La Coqueta, Hola Ola, Din & Don, Coco, Jatay, Saia e Mercería Vizcaya. 

O Mercado de Rúa foi presentado por Juan Andina e Jesús Pérez.