Os días 17 e 23 de outubro volve A Mariña en Ruta con propostas para percorrer diferentes localizacións de Foz, Mondoñedo e Alfoz.

Os días 17 e 23 de outubro volve A Mariña en Ruta con propostas para achegarnos á interpretación dun ecosistema intermareal en Foz e á terra de cervos, entre Mondoñedo e Alfoz. 

Desde a Mancomunidade de Concellos de A Mariña, ente organizador desta iniciativa, a súa Axente de Desenvolvemento Turístico, Tania Hermida, lembra que “o pasado 26 de setembro remataban os roteiros programados para agosto e setembro de A Mariña en Ruta cunha moi boa acollida, xa que contaron con 327 persoas que gozaron da oferta das rutas ofrecidas, cubríndose un 92% das prazas dispoñibles”. O proxecto, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e coordinado pola empresa de ecoturismo Maremasma, puxo en valor o rico patrimonio cultural e natural da Mariña Lucense con 21 roteiros únicos durante este atípico verán 2020 marcado polo Covid19. 

Ao rematar e visto o éxito do proxecto, dende o ente anunciaron que “co obxectivo de traballar na desestacionalización e axudar a dar a coñecer as potencialidades do xeodestino fóra dos meses de verán, dende a Mancomunidade vese oportuno ampliar a oferta de rutas durante o outono, con máis roteiros e novas propostas para incentivar un ecoturismo de calidade na zona e axudar, na medida das posibilidades, a dinamizar a comarca nestes meses difíciles para o sector.”

O novo programa de rutas de A Mariña en Ruta para este outono que dará a coñecer novos recunchos da Mariña Lucense comeza este mes de outubro con 2 rutas que combinan mar e montaña para desfrutar ao máximo deste magnífico entorno a través de dúas rutas de natureza.

17 DE OUTUBRO, FOZ – “O QUE A MAREA ESCONDE, INTERPRETACIÓN DUN ECOSISTEMA INTERMAREAL”, CON ANA DE LARA
Trátase dun roteiro de interpretación da fauna e flora intermareal dun ecosistema costeiro característico da Mariña Lucense. A ruta é circular con inicio e fin no Castro de Fazouro (Concello de Foz), asentamento castrexo que data do século II. Dende alí iniciarase a andaina seguindo o Camiño Natural da Ruta do Cantábrico ao pe da praia de Arealonga e atravesando o portiño de Nois, antigo porto baleeiro. As pizarras e xistos que esculpen este precioso tramo de costa levarán aos camiñantes ata a praia de Polas e Xuncos, onde accederán ao areal e ao espléndido ecosistema rochoso intermareal que deixa ao descuberto unha das maiores mareas baixas do ano. As charcas rochosas forman verdadeiros ecosistemas mariños en miniatura cunha enorme biodiversidade para moitos descoñecida. Acompañados de Ana de Lara, bióloga mariña, os asistentes coñecerán en detalle os segredos sobre a fauna e a flora desta zona antes de retomar o camiño de volta.
Município: Foz
Data: 17 de outubro
Hora de inicio: 10:30 horas
Duración: 3h
Lugar de inicio: Castro de Fazouro
Lonxitude: 6,5 km
Dificultade: Fácil
Trazado: Cirular
Observacións: Levar roupa adecuada á meteoroloxía e calzado cómodo, preferiblemente botas impermeables e suela de goma para camiñar polas rocas e evitar esvarar.

Ana de Lara é Bióloga Mariña, especializada en Biodiversidade e Conservación Mariña. Docente de Bioloxía en educación secundaria e bacharelato. Coordinadora de Tantak, organización sen ánimo de lucro para o estudo e conservación de ecositemas mariños así cómo o desenvolvemento sostible. Dive Master e mergulladora científica. Apaixoada do mar e da divulgación ambiental, que a levaron a participar e coordinar numerosos proxectos a nivel nacional e internacional.
Redes sociais: @anadelara87 @tantak.eu
Páxina web: www.tantak.eu
 
23 DE OUTUBRO, MONDOÑEDO E ALFOZ – “A BERREA, CAMIÑANDO EN TERRA DE CERVOS”, CON PEDRO ROLLE
Esta ruta ten como punto de partida A Ponte de A Fraga Vella. Os primeiros cincocentos metros camiñarase por estrada asfaltada, o resto da ruta seguirá o trazado dunha pista de terra moi sinxela de camiñar, sen obstáculos nin zonas húmidas. No seu percorrido cruzarán un pinar de montaña, composto por matorral baixo, pinos e frondosas autóctonas, dende o que gozarán dunhas preciosas vistas dos pequenos vales fluviais e dos afloramentos rochosos típicos destas serras.

Durante o traxecto, bordearán o peche da finca onde se encontran os cervos, aínda que por todo o trazado da ruta poderanse ver, xa que exemplares desta especie viven fóra do recinto. Xa no lugar dos Agros, e enfronte a unha explotación mineira en desuso, atópase a Fragas das Vigas, final da ruta e punto de regreso.

En toda a ruta poderase, ademais, gozar da maxestuosa beleza dos voitres leonados, presentes nestas serras do norte da provincia de Lugo durante todo o ano.
Data: 23 de outubro
Hora de inicio: 16:30 horas
Duración: 3h
Lugar de inicio: A Ponte da Fraga Vella
Lonxitude: 5,5 km
Dificultade: Fácil
Trazado: Circular
Observacións: Uso de roupa e calzado cómodo, preferiblemente impermeable. Auga. Prismáticos e en caso de ter algún libro de fauna (aves, insectos) e/ou flora.

Pedro Rolle é Guía de Natureza, así como técnico en traballos forestais e técnico en conservación do medio natural. Formador ocupacional, capataz agrícola e forestal. Profesional apaixonado e traballador que coñece especialmente ata o último recuncho Alfoz e O Valadouro. Moi coñecido en toda A Mariña polo seu proxecto persoal “O Freixo Dos Lobos, Ecoturismo e Natureza”, que ten como obxectivo concienciar á poboación da importancia de conservar e respectar o medio ambiente, poñendo en valor os recursos naturais mediante o coñecemento da súa contorna. Ten catro anos de experiencia como organizador e guía-intérprete en roteiros, talleres de natureza e charlas sobre medio ambiente, nos espazos naturais protexidos de A Mariña Lucense.
Redes sociais: Facebook: O Freixo dos Lobos Ecoturismo e Natureza. Instagram y Twitter: @ofreixodoslobos.

Mais información páxina web do proxecto enruta.amarinalucense.gal e a través das redes sociais de Turismo da Mancomunidade”:
@amarinalucense.turismo
@visitamarinalucense
@amarina_turismo