Os días 2 e 3 de xuño celébrase a VII Subida á Pontenova na que participarán 40 pilotos. A proba é puntuable para o Campionato Galego de Montaña.

O Presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, avanzou que a sétima edición da Subida á Pontenova, que terá lugar durante a fin de semana do 2 e 3 de xuño, conta co principal patrocinio cunha achega de 7.000 euros da Deputación e 4.000 euros do Concello, que este ano aumentou o número de participantes con respecto ao ano pasado. Un evento deportivo que, pese ao seu recente nacemento, no ano 2011, xa está consolidado dentro do calendario autonómico, como proba puntuable para o Campionato Galego de Montaña.

O Goberno da Deputación decidiu colaborar na organización desta popular subida cunha achega de 7.000 euros para promover o turismo e dinamizar a economía da localidade mariñá, posto que o evento reunirá a uns corenta pilotos e milleiros de afeccionados, chegados de toda a xeografía galega e das localidades veciñas de Asturias e Castela e León, entre os que se atopan grandes nomes como Luis Vilariño, 4 veces Campión de Europa de Montaña; o piloto asturiano, José Antonio López-Fombona, e por suposto o campión de España, o lucense SergioVallejo.

Campos Conde subliñou “que con esta proba, reforzamos a nosa aposta polo deporte do motor como atractivo turístico que promove e dinamiza a economía da provincia. Por iso dende o Goberno da Deputación mantemos un firme compromiso co automobilismo e, proba disto, é o noso apoio incondicional ás probas que se organizan por excelencia na provincia”.

Percorrido
A Escudería Pontenova organiza os días 2 e 3 de xuño, a VII edición da Subida a Pontenova, puntuable para os Campionatos e Trofeos de Galicia de Rallyes, Copa Propulsión Carcross e Copa Pirelli de Montaña.

A proba está centralizada na localidade de Pontenova, coas verificacións o sábado día 2 pola mañá e as primeiras mangas de competición pola tarde. O tramo de subida está localizada na estrada LU-4803, entre os puntos quilométricos 0.45 e 5.25, con 4,8 kms de lonxitude, cun formato de 6 pasadas, dúas de adestramento e 4 oficiais segundo o programa horario de máis abaixo.