Os días 28 e 29 de xullo celébrase na parroquia de Santiago de Bravos, en Ourol, o VI Festival Aturuxo. O evento presentouse na Deputación de Lugo.

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, o Alcalde de Ourol, José Luis Pajón Camba, e a Vicepresidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, Sabela Ramil Rivera, presentaron no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o VI Festival Aturuxo, que terá lugar os días 28 e 29 de xullo na parroquia de Santiago de Bravos, no municipio mariñán. A cita musical que organiza a Asociación Cultural Aturuxeiros de Bravos, conta coa colaboración do Goberno da Deputación, a través do Musiqueando, coa actuación do grupo A.C.M. Arume de Burela, e cunha achega económica de 2.000 euros do Concello de Ourol.

García Porto destacou que “colaboramos con esta cita cultural e musical para dinamizar e dar a coñecer un Concello como o de Ourol, con pouca poboación e moi envellecida, ao tempo que impulsamos a economía e o turismo neste municipio da Mariña, pois durante as dúas xornadas reuniranse máis de 500 persoas. Ademais, dende o Executivo Provincial, queremos consolidar este festival galego que promociona e poñer en valor o traballo dos nosos grupos e a música popular galega.” 

Pajón Camba convidou a todos os veciños da provincia a achegarse ao Concello de Ourol durante a celebración do festival para “poder desfrutar dos produtos extraordinarios e de calidade que ofrece o noso municipio, ao mesmo tempo que coñecen un enclave turístico de primeiro nivel, como é a Igrexa parroquial de Santiago de Bravos”.  

Sabela Ramil tamén convidou aos visitantes a achegarse a este Festival. “É un encontro para todo tipo de público, interxeracional, non temos limite de idade, ademais de ser un espazo non só para a música, senón para recuperar tradicións como xogos populares, e moitas outras actividades”.

A VI edición do Festival Auturuxo comezará o día 28 de xullo cunha cea popular e unha foliada aberta ao público. A xornada do sábado arrancará ás 13:30 horas coa sesión vermú e a actuación musical a cargo da A.C.M. Arume de Burela. A partir das 17:00 horas, haberá animación nas rúas e xogos populares dirixidos a todas as idades. Ás 21:30 horas comezará o propio festival musical, cos concertos dos grupos A Compañía do Ruido, Pan de Capazo, Trapallada e Böj, que foi o gañador do certame runas na edición pasada do Mundo Celta de Ortigueira.Haberá habilitada unha zona de acampada gratuíta ao carón da Igrexa parroquial de Santiago de Bravos.