Os días 5 e 6 de outubro terá lugar a Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, en Xuances (Xove). Os callos serán os protagonistas da primeira xornada.

A Festa do Ramo no Alto do Cruceiro, en Xuances (Xove), celébrase este fin de semana, concretamente o venres 5 e o sábado 6 de outubro. Está organizada pola Asociación Cultural e de Festexos Alto do Cruceiro por décimo segundo ano consecutivo tras ser recuperada despois de doce anos sen celebrarse. O lugar de celebración será no campo da festa Onofre Louzao, un recinto inaugurado hai un tres  anos na honra de Onofre Louzao, máximo promotor desta festa que faleceu hai 5 anos. Este recinto está situado nas inmediacións do centro social do Alto do Cruceiro, a uns 150 metros da estrada nacional, polo que acceso á mesma é moi fácil e sinxelo, explica a organización.

Os organizadores engaden: “aínda que esperamos e desexamos con todas as nosas forzas ter uns bos días climatolóxicos pode que non sexa así, polo que dispoñemos dunha gran carpa. E para unha maior comodidade dos visitantes teremos amplos aparcamentos no entorno do campo da festa”.

En canto ao amplo programa de actividades explican que “destaca a celebración da Festa dos Callos, no seu duodécimo aniversario, que terá lugar o venres 5 de outubro a partires das 8 da tarde. Trátase dunha festa gastronómica dun produto tan noso como son os callos e a proposta que lles facemos é a seguinte: os participantes polo módico prezo de 5 euros van poder degustar unha abundante ración de callos, pan e viño. Contaremos con máis de 1.000 racións, que esperamos que se esgoten. Para conseguir estas racións no mesmo lugar da festa contaremos cun posto onde os visitantes van poder adquirir tickets por valor de 5 euros, os cales despois cambiarán polas conseguintes racións de callos. Co estómago ben cheo remataremos a festa cun bo programa de baile a partires das once da noite amenizado pola orquestra Los Satélites e unha disco Móbil. E o sábado, día 6, haberá estas actividades: ás 13:00 horas, misa solemne e procesión; ás 14:00 horas, sesión vermú a cargo do grupo Pekados; ás 18:00 horas, partido solteiros contra casados no campo anexo ao da festa; e ás 22:30 horas, verbena co grupo Pekados e a orquestra Nevada”.