Os domingos de agosto haberá concertos no Forte de San Damián, en Ribadeo. Por alí pasarán Roma, Beetle Judge, Remakers e Astra.

O Concello de Ribadeo, coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación, organiza Soa Forte, un ciclo de concertos que se desenvolverá os domingos de agosto no Forte de San Damián. Arrinca o día 8 con Roma e seguirá con Beetle Judge, Remakers e Astra. 

A edil de Cultura, Pilar Otero, explicou que “Soa Forte é un ciclo de concertos que pretende aproveitar e pór en valor o forte de San Damián, á parte de como sitio expositivo ou mostra de arquitectura militar, como lugar onde escoitar música. O ciclo que hoxe presentamos ocupará os domingos de agosto ás 20.30 horas, co público sentado e gardando o resto das medidas anti covid 19”.

A concelleira ribadense contou que “este domingo actúa Roma, unha banda de pop-rock, proxecto persoal de dous irmáns logo de tocar coas mellores orquestras e influídos por Leiva, Quique González, Andrés Suárez ou Dani Fernández”.

Otero Cabarcos seguiu a relatar que “o segundo grupo que teremos ocasión de escoitar, ben coñecido por todos os ribadenses, o domingo 15 de agosto é Beetle Judge, unha banda de rock and roll  nacida en 1997 en Ribadeo, con moita presenza de temas propios e onde xa se podían  observar influencias de Alice in Chains ou Monster Magnet. Pronto Jose Carlos Diaz ofrécelles gravar unha maqueta e a partir de aquí unha serie de acontecementos fan que se lle abran moitas portas. Vencen no concurso dos 40 Principais en Oviedo e gravan o seu primeiro disco coa discográfica avilesina Norte y Sur Records. A partir deste momento xiran pola xeografía do Estado e chegan a seren abre cancelas de grupos como Los Suaves ou Siniestro Total. No 2001 presentan un ep auto editado, Lagoon,con 5 temas propios e unha versión de Motorhead. Despois de varios anos de parón creativo o estilo cambia cara á madurez, con máis contundencia aínda nas letras e no son. A súa última aparición foi en  2014 para o peche da mítica sala de concertos ribadense Mini Bar”.

A concelleira de Cultura engadiu que “a partir desta data algúns membros formaron outros proxectos como Remakers, ZoraGabbara ou Prisco y Cherry. Sorprendentemente a principios de 2020 o grupo retoma a actividade gravando un ep, A walkby the clouds, incorporando na  guitarra rítmica a  David Caba. No verán de 2009 músicos ribadenses de bandas veteranas como BeetleJudge, Mallory, ZoraGabbara, Amigos de lo Ajeno e distintos proxectos musicais únense nunha idea paralela. Simplemente por pura diversión e pracer nace Remakers, a formación que actuará o domingo 22 de agosto.  En  2013 auto editan Semillas, distribuído por Inquedanzas sonoras. O  disco contén 7 cortes, 6 deles orixinais máis unha versión en castelán do grupo JoyDivision. Remakers pon son persoal a Queen,The Sweet,  Pearl Jam, DefLeppard ou Black Crowes, todo co seu sinal de identidade, temas propios con bases contundentes, xogos de guitarras acústicas e eléctricas e coidadas harmonizacións vocálicas. A banda, que está formada por Fran García, Pablo Feijoo, Fillo, Roberto Martínez e Cherry, descarga o seu potente directo en festivais como Osa do Mar, Arreaocabo ou Unirock. A principios de 2019 sacan o seu segundo disco,  Sueños y otras pesadillas, máis introspectivo e experimental”.

Soa Forte rematará o 29 de agosto: “finalmente, o último domingo de agosto actúa ASTRA. Astra é un grupo musical formado polos ponteses Carla Alvariño Fernández e Víctor Leal Bouza. Estes presentan o seu primeiro traballo discográfico Andrómeda, formado por dez temas que xiran en torno ao pop-rock. Ademáis, tamén apostan por algunhas versións de cancións actuais, seguindo en constante busca do seu estilo propio”.

Pilar Otero manifestou que “xunto aos grupos terá o seu oco o colectivo artístico multidisciplinar As Vacas Fracas.Os seus compoñentes dispoñen dun background en formación artística, deseño e fotografía, que serviu como base para asentar  e consolidar a súa paixón e vinculación coas artes plásticas. A formación multidisciplinar dos seus integrantes permítelles crear obras diversas, que teñen como obxectivo crear e comunicar a través dunha estética abstracta con guiños figurativos, que espera transmitir sentimentos e paixóns encontradas cos seus espectadores”.

Para a concelleira de Cultura “está claro que os domingos de agosto non temos ningunha desculpa para non acudir ao forte de San Damián. Escoitaredes música, disfrutaredes do espazo, seguro que o pasaremos moi ben”. 

E subliñou que “este ciclo que denominamos Soa Forte, xogando co tema do son da música e co lugar tan emblemático, o forte de San Damián, está organizado polo Concello de Ribadeo e conta coa inestimable axuda da Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia”.

Na presentación do ciclo participaron Mónica Freire, en representación da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; Abel Pérez, de Mialma Producióis; e Pilar Otero, concelleira de Cultura.