Os Monicreques de Kukas chegará a Burela o 29 de outubro con "Don Gaiferos". A entrada será de balde.

A compañía compostelá Os Monicreques de Kukas (Premio Galicreques 2021, Premio da Crítica de Galicia 2020, Premio da Cultura Galega das Artes Escénicas 2019 e Premio Xiria 2019) representará "Don Gaiferos" na Casa da Cultura de Burela o 29 de Outubro ás 19:00 horas. 

"Don Gaiferos" é un espectáculo de teatro con monicreques de fíos e música en directo que partindo do romance popularizado por Faustino Santalices e incorporando cancións e músicas do fólclore galego conta un dos milagres atribuídos ao Apóstolo Santiago que narra a viaxe do peregrino francés Don Gaiferos de Mormaltan ata chegar a Compostela. Nesa viaxe atemporal ao longo do Camiño atopárase con personaxes representativos do mesmo e con peregrinos e peregrinas procedentes de diferentes partes do mundo, así como os xigantes e cabezudos do Corpus de Lugo, todo tipo de tentacións diabólicas e ata ao mesmo Apóstolo Santiago. Interpretado por Borxa Insua, Ero Vázquez, Marian González, Isabel G. Coldeira, Marcelino de Santiago, Aldara Palmeiro e Tome Mouriño baixo a dirección escénica e artística de Isabel Rey Pousada e o propio Marcelino de Santiago (Kukas).

Esta representación está patrocinada pola Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Burela dentro do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia e conta tamén coa axuda na produción da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) e do Concello de Santiago de Compostela. 

A entrada será de balde.