Os usuarios da asociación de axuda ao enfermo mental colaboran co Encontro de Palilleiras de Cervo elaborando chaveiros artesanais.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, visitaron este mediodía aos usuarios da Unidade Residencial da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, ubicada na zona da Bidueira, na Estrada de Sargadelos.

O rexedor e a edil, acompañados pola directora do centro María José Novoa, puideron ver en primeira persoa como están a traballar na elaboración dos agasallos que entregará o Concello a modo de recordo a cada unha das palilleiras que participen no XV Encontro que terá lugar este sábado no Pavillón da Veiga.

Tal e como apuntou Armada “entregaremos un bonito chaveiro artesanal a cada palilleira que nos visite; e contamos reunir unhas 600 artesás nesta instalación municipal que xa estamos acondicionando para a ocasión”.

O rexedor sinalou que “cremos que este tipo de colaboracións son  importantes porque contribúen tamén a visibilizar e a poñer en valor o gran traballo que fan no centro durante todo o ano nun evento que reúne a tanta xente como é o Encontro de Palilleiras”.

Villares engadiu que “esta é unha desas actividades que axudan a dinamizar todo un pobo porque temos que recordar que son centos os visitantes que chegarán ao noso Concello esta fin de semana na que a ocupación hostaleira xa sabemos que rondará o 100%”.

A xornada comezará coa recepción das palilleiras ás 10:00 horas, a inauguración está prevista para as 12:30 horas, e durante toda a xornada as artesás estarán encetando no Pavillón; tamén se programarán visitas á Fábrica de Cerámica e ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

Ademais haberá sorteos, música a cargo do Grupo Folklórico Airiños do Xunco, e venda de produtos relacionados coa artesanía.