
O Multiusos Ponte de Cuñas, de Lourenzá, acolleu este xoves a presentación oficial da webserie A paso de muiñeira polo Camiño do Norte, unha produción de Edicón Consultores que pon en valor a riqueza cultural, musical, patrimonial e humana dos territorios polos que discorre esta ruta xacobea. O proxecto, financiado pola Xunta de Galicia no marco do programa O Teu Xacobeo, “achega unha maneira diferente de descubrir o Camiño de Santiago a través da música e o baile tradicional galego, as súas xentes e as historias dos lugares polos que transcorre”.
Na presentación participaron Javier Blanco, pola empresa produtora; Esther Benito, directora da webserie; Emma Álvarez, en representación das persoas informantes; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares; e a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López. Un grupo folclórico da Asociación Cultural Osorio Gutiérrez abriu o acto cunha peza tradicional.
A serie está composta por cinco capítulos, gravados en Ribadeo, Lourenzá, Begonte, Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela. Javier Blanco explicou que se escolleu o período do Nadal e as primeiras semanas de xaneiro “para favorecer a difusión dos contidos e chegar a máis público. Quixemos que esta webserie non quedase simplemente nunha produción audiovisual que se presenta un día e despois perde visibilidade. A nosa intención é que teña percorrido, que chegue ao maior número posible de persoas e que sirva para dar a coñecer tanto o Camiño do Norte como a riqueza da nosa cultura tradicional”.
A webserie poderá seguirse na canle de YouTube A Paso de Muiñeira e nas páxinas de Facebook de A Paso de Muiñeira e Edicón Consultores.
A produtora desenvolverá unha campaña específica en redes sociais e facilitará os contidos ás asociacións e entidades participantes para a súa divulgación. Tamén se poñerán á disposición de Turismo de Galicia e estanse explorando posibles colaboracións con canles especializadas en turismo e cultura, aínda sen concretar.
Esther Benito destacou que este proxecto supuxo a súa primeira experiencia como directora dunha produción audiovisual destas características, “unha oportunidade de aprendizaxe tanto profesional como persoal. Foi unha oportunidade enriquecedora para min a cal agradezo e unha experiencia moi bonita. Ao final lévome haber podido coñecer a tanta xente, lugares e historias das cales gardarei bo recordo delas. A pesar dos imprevistos, logramos sacar o proxecto adiante porque ás veces as condicións meteorolóxicas, os tempos de gravación obrigáronnos a moitos cambios pero tamén considero que é parte do aprendizaxe”, sinalou.
Pola súa banda, Emma Álvarez, en representación das persoas informantes, destacou “o orgullo de contribuír a promocionar a súa zona e a cultura tradicional galega. Iniciativas como esta axudan a que o noso patrimonio cultural se coñeza, se valore e se transmita ás novas xeracións”.
En representación da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, delegado territorial en Lugo, destacou “a aposta do Goberno galego por impulsar, a través do programa O Teu Xacobeo, iniciativas que permitan achegar o fenómeno xacobeo ao conxunto da sociedade, facendo partícipes a empresas, asociacións, colectivos culturais e entidades de diversa índole, e contribuíndo así a converter o Xacobeo nun patrimonio compartido por todos os galegos e galegas”. Ademais Villares felicitou a produtora e o equipo responsable pola realización desta webserie e “pola súa aposta por poñer en valor o Camiño do Norte, especialmente ao presentar esta iniciativa na Mariña lucense, un territorio cunha estreita vinculación coa tradición xacobea”. Así mesmo salientou “a importancia de desenvolver proxectos que contribúan á difusión, á conservación e á promoción da cultura tradicional galega como parte fundamental da nosa identidade colectiva”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, manifestou sentirse “honrada de que o municipio fose escollido para formar parte desta iniciativa e para acoller a presentación oficial da webserie, destacando a oportunidade que supón para poñer en valor o concello, a súa riqueza patrimonial e a súa identidade cultural”.
A rexedora salientou a especial importancia que ten o Camiño do Norte para Lourenzá, “ao constituír a vila un final de etapa desta ruta xacobea”, e mostrouse “convencida de que este traballo audiovisual contribuirá a dar a coñecer, máis alá das fronteiras do municipio, o valor do seu patrimonio, das súas tradicións e, sobre todo, das súas xentes, auténticas protagonistas da identidade e da historia de Lourenzá”.
A xornada incluíu a entrega de pequenos agasallos conmemorativos ás persoas e entidades colaboradoras e rematou cun cóctel de produtos galegos amenizado pola Asociación Cultural Osorio Gutiérrez.


