Presentado o VII Xove Costa Trail, que se celebrará do 1 ao 3 de maio

A Asociación Cultural Deportiva (ACD) Xove, como organizador, xunto co Concello de Xove, como patrocinador principal, presentaron o VII Xove Costa Trail, que se levará a cabo os días 1, 2 e 3 de maio deste ano.

Explicaron que o Xove Costa Trail  “é un evento deportivo que converterá o municipio nun punto de encontro para amantes do trail e da natureza. A programación desenvolverase ao longo de tres xornadas, ofrecendo actividades para todos os públicos e niveis. O venres 1 de maio dará comezo coa andaina, pensada para desfrutar do entorno natural dun xeito máis relaxado. O sábado 2 de maio será a quenda das máis pequenas e pequenos coa celebración da carreira de nenas e nenos, fomentando así o deporte desde idades temperás. O prato forte chegará o domingo 3 de maio, coa disputa das probas principais do trail, con tres distancias (37, 21 e 10 quilómetros), que permitirán ás persoas participantes escoller o reto que mellor se adapte ás súas capacidades”.

Tamén destacan que o Xove Costa Trail “nace co obxectivo de promover o deporte ao aire libre e poñer en valor a beleza da costa e da paisaxe do municipio, combinando mar, monte e sendeiros nunha experiencia única”.

Dede o Comité Organizador, a A.C.D. XOVE, así como desde o Concello de Xove animan á veciñanza e visitantes a “participar e vivir esta fin de semana deportiva, que contribuirá tamén á dinamización social e turística da zona”.

Na presentación estiveron representantes da asociación, patrocinadores e autoridades municipais.

As inscricións estarán abertas ata o domingo 26 de abril ás 24:00 horas.