A programación ao aire libre de Barreiros ConVídate inclúe espectáculos musicais e cine en varias parroquias.

O concelleiro de dinamización, Dani García, e a concelleira de educación e igualdade, Montse Porteiro, presentaron o Barreiros ConVidate que achegará música e cine a distintos puntos do concello durante os meses de xullo e agosto. 

“As actividades están pensadas para realizar ao aire libre e encher as prazas e os espazos públicos das distintas parroquias de cultura, achegando así a música e o cine aos distintos puntos do municipio e contribuíndo a que as persoas se despracen e coñezan Barreiros, ao tempo que se fomentan as relacións sociais”; explicou Dani García. 

O edil explica que tamén se programarán outras actividades, fóra deste programa que achegarán máis espectáculos a outras parroquias e lugares que poidan non estar incluídas nesta ocasión. 

A programación comeza este mesmo sábado 24, coa actuación da banda de música Dambara en Celeiro de Mariñaos, onde poderán disfrutar deste espectáculo a partir das 20:30horas no recinto das antigas escolas. 

Actividades para todas as idades e gustos.
Neste programa inclúense actividades musicais para todos os públicos e algunhas delas dirixidas ás máis pequenas, como a Gramola Gominola ou Uxía Lambona e a Banda Molona. Tamén están programadas sesións de cine ao aire libre en Benquerencia e Vilamar e un concerto de música clásica, dentro do Festival Bal y Gay. 

Montse Porteiro explicou que o que se pretende é “poñer a música e o cine ao alcance de todo o mundo, por iso se programa en distintos lugares, horas e con entrada gratuíta”
Desde o Concello, que leva a cabo este programa por segundo verán consecutivo, lembran a importancia de respectar as normas de prevención da Covid e seguir o protocolo polo que se rixen as actividades, que pode verse modificado en función da situación sanitaria do momento no que se desenvolva cada actividade. Aproveitan así mesmo para facer un chamamento á responsabilidade e á prudencia nas relacións sociais, así como á participación en actividades que conten con todas as garantías sanitarias na súa organización. 

Para a organización dalgunha das actuacións, o Concello de Barreiros obtivo colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo e da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.