A programación cultural do Concello de Barreiros para os vindeiros meses arrinca o 21 de maio co III Recital Poético Versos na Baixamar.

A Concellería de Dinamización de Barreiros presentou a axenda cultural “Barreiros ConVídate”, que terá lugar nas distintas parroquias do municipio durante os meses de maio, xuño e xullo. Este programa ten como obxectivo achegar a cultura a todos os recunchos de Barreiros, ofrecendo unha variada selección de actividades para todos os públicos.

A programación dará comezo este domingo, 21 de maio co III Recital Poético Versos na Baixamar que terá lugar nas escolas de Reinante. Este evento marcará o inicio dunha serie de actividades culturais que se desenvolverán ao longo dos próximos meses nas que destacan, entre outras moitas, as sesións de cine con Matria, o monologuista Avelino González, música en vivo con Dani Royo e a actuación de Superheroe de Fran Rei.

O concelleiro de dinamización, Dani García, comenta que: "estamos entusiasmados de presentar a axenda cultural 'Barreiros ConVídate', coa que buscamos achegar a cultura a todas as parroquias e ofrecer unha experiencia cultural enriquecedora. Convidamos a todos os veciños e veciñas de Barreiros a participar nestes eventos e desfrutar dunha axenda repleta de música, teatro e diversión para toda a familia".

O edil explica que tamén se programarán outras actividades, fóra deste programa, e que achegarán máis espectáculos a distintos lugares do concello.

A programación completa de "Barreiros ConVídate" estará dispoñible nas redes sociais do Concello de Barreiros e nos puntos de información municipais. 

Para a organización dalgunha das actuacións, o Concello de Barreiros conta  coa colaboración da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia.