A programación de Nadal do Concello de Xove inclúe actividades do 20 de decembro ao 5 de xaneiro

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, presentaron o programa de actividades do Concello para este Nadal 23-24, que se desenvolverán desde o 20 de decembro ata o 5 de xaneiro.

O mércores 20 comezará a programación coa actividade Un Nadal de cores, que será no pavillón municipal de deportes ás 18:00 horas. Ao día seguinte ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cívico o grupo de teatro de Aspanane representará a obra “Contra o reloxio”. O venres 22 ás 17:00 horas actuará un DJ infantil no pavillón municipal de deportes e á tardiña Papá Noel visitará a residencia de maiores San Bartolomeu e despois irá ao pavillón polideportivo, onde haberá chocolatada. O mesmo día ás 20:30 horas no salón de actos do Centro Cívico celebrarase a V Gala do Emprendemento Local. Para o sábado 23 está programado o Torneo de Nadal de Xogos de Mesa. Será de 18:30 a 19:30 horas no Centro Xuvenil.

A programación de Nadal en Xove continuará o martes 26 coa representación da obra “Yo voy conmigo” a cargo do grupo de teatro de Aspanane ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cívico. Nese mesmo escenario o mércores 27 ás 19:00 horas terá lugar o tradicional concerto de Nadal da Escola Municipal de Música e Orquestra Clásica de Xove. O xoves 28, tamén no salón de actos do Centro Cívico, ás 19:00 horas o grupo de teatro familiar de sombras con música en directo Luz, Micro y Punto poñerán en escena o espectáculo “Años luz”.

O venres 29 de decembro celebrarase o XI Concurso de Karaoke a partir das 21:30 horas no pavillón municipal de deportes. Ao día seguinte ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Cívico haberá un concerto da Orquestra de Corda do Conservatorio de Viveiro. E o domingo 31 ás 11:00 horas no pavillón polideportivo terá lugar unha festa infantil de fin de ano.

Xa en xaneiro de 2024, o xoves 4 celebrarase o Día da Infancia, que inclúe xogos acuáticos na piscina municipal e inchables no pavillón municipal de deportes.

E o venres 5 rematará a programación coa Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas de Xove desde as 19:00 horas, despois de visitar a residencia de maiores San Bartolomeu. A partir das 20:00 horas no pavillón polideportivo haberá animación infantil con discoteca móbil.