A programación do Concello de Foz para conmemorar o Día da Muller desenvolverase durante os meses de marzo e abril

A programación organizada polo Concello de Foz para conmemorar o Día Internacional da Muller inclúe unha concentración, dúas representacións teatrais, unha sesión de contacontos, un obradoiro e unha exposición.

A concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena, anuncia que “como cada ano, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Foz súmase a esta xornada de reivindicación e loita, pois é un día no que se celebran os dereitos conquistados polas mulleres en todos os ámbitos e conmemora a longa historia de loitas e sacrificios que tiveron que levar a cabo para acadalos. A nosa programación de actividades prevista para este 8M está chea de reivindicación, cultura e moita forza”. 

A programación dará comezo o venres ás 19:00 horas coa concentración diante do Concello e lectura do manifesto por parte da concelleira de Muller e Igualdade e dúas compañeiras da corporación municipal que colaborarán coa mesma. Neste acto tamén contarán con alumnado do IES de Foz, que “fará a lectura dunhas verbas con moita paixón e cheas de empoderamento xuvenil”, explica Elena Martínez, quen engade que “ese mesmo día, ás 20:30 horas, poderase gozar dunha xornada de teatro coa obra Cigarreiras, da compañía Contraproducións, que se organiza en colaboración coa Concellería de Cultura do Concello de Foz. É unha versión teatral de Cándido Pazó sobre a obra La Tribuna, que conta as vidas das traballadoras e pioneiras no ámbito laboral da fábrica de Tabacos coruñesa”. E a concelleira de Cultura, Inés López Couto, destaca que “Cigarreiras é unha obra con sete actrices moi coñecidas na que veremos o duro traballo co que as mulleres sacaban adiante ás súas familias. Facendo labores do tabaco que consumían os homes. Un amor socialmente imposible. Unha época na que o ocaso dos Borbóns está próximo e a piques de chegar a República”.

Outra das actividades que se levarán a cabo en colaboración coa Concellería de Cultura é a que se desenvolverá o domingo 10 ás 12:00 horas na Sala Bahía, unha xornada de teatro familiar denominada Asemblea Xeral, da Compañía Sarabela Teatro. “É unha obra sobre a igualdade de oportunidades entre a sociedade”, explica Inés López.

Ademais a concelleira de Muller e Igualdade anuncia que “xa o martes 12 ás 18:30 horas na Casa da Cultura Poeta Manuel María os máis pequenos poderán disfrutar dun contacontos pola igualdade con Marisa Irimia, natural de Foz, que amosará o seu espectáculo Rapazas de conto, unha selección de contos feita para reflexionar sobre a desigualdade entre nenas e nenos, dunha forma teatral, dinámica e, sobre todo, moi, moi divertida. Historias que levarán ao público por corredoiras sorprendentes onde coñecerán mulleres valentes que escollen o seu propio destino e rompen cos estereotipos de xénero. O domingo 17 de marzo, ás 11:00 horas na Sala Bahía, haberá un obradoiro no que nenas e nenos a partir dos 3 anos poderán gozar de diferentes actividades sobre a Igualdade, xa que consideramos que é un dereito que se ten que educar xa desde idades temperás. E por último, xa durante o mes de abril, e en colaboración coa Aula Universitaria de Foz, levarase a cabo no Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA) unha exposición sobre a trata de mulleres realizada desde o Servizo de Atención a mulleres vítimas de violencia, trata e explotación sexual, de Cáritas Diocesana de Lugo”.